propostas bng

Ana Pontón propón matrícula universitaria gratuíta no próximo curso e bolsas anticrise para axudar ás familias ante a inflación

Ourense
Ourense

“O obxectivo é que ningún mozo ou moza vexan truncados os seus estudos por razóns económicas”, explicou desde o Campus de Ourense

Crítica que o Goberno do PP non teña posto en marcha ningunha medida específica pese á escalda de prezos que lastra as economías familiares

A portavoz nacional, Ana Pontón, avanzou nun acto no Campus universitario de Ourense as propostas que o BNG vai levar ao Parlamento para axudar ás familias a sufragar os gastos en educación no actual contexto de crise de prezos, co obxectivo de que ningún mozo ou moza vexa interrompidos os seus estudos por falta de recursos económicos.

Entre esas propostas: primeira matrícula universitaria gratuíta no curso académico 2023-2024 e bolsas anticrise.

“No BNG preocúpanos que a situación de crise económica trunque as expectativas de moita xente moza,  o seu soño de ir á universidade ou que deixe os seus estudos, porque a mellor inversión que podemos facer como sociedade é investir en educación, un arma poderosa de transformación social”, explicou Pontón, tras destacar que ela mesma procede “dunha familia humilde, traballadora que puiden estudar grazas a universidade pública”.

Coa escalada de prezos que lastra ás economías familiares, o BNG defenderá na Cámara dúas medidas concretas. Por un lado, poñer en marcha bolsas extraordinarias anticrise por importe de 32 millóns de euros, destinadas tanto ao ensino obrigatorio como ao ensino universitario.

“Estariamos falando dunha bolsa extra para aquelas familias que teñan unha renda per cápita inferior a 12.000 euros, con subvencións entre 200 e 500 euros”, explicou Pontón, “unha axuda importante para salvagardar o dereito á educación”. A segunda proposta consiste na gratuidade da primeira matrícula universitaria no vindeiro curso académico, e para evitar que as universidades perdan ingresos serán compensadas cunha partida específica para tal fin con cargo aos orzamentos da Xunta.

“Son medidas para salvagardar unha das grandes conquistas que temos e evitar que ninguén se quede atrás pola crise, porque a universidade é un ascensor social pero hai moitos datos que nos indican que ese ascensor está parado e non podemos permitir que esta crise tamén se leve por diante os soños de moitos mozos e mozas que precisamos neste País para construír un futuro mellor”, explicou Pontón.

“Desde o Bloque temos claro que o futuro pasa porque poñamos en marcha unha sociedade do coñecemento coa educación como un piar básico, e aí sempre estará o BNG”, recalcou antes da súa charla co alumnado do Campus ourensán.

Neste sentido, Pontón recriminou ao PP que non teña adoptado ningunha medida malia a escalada inflacionista. “É lamentable ver a un Goberno do PP incapaz de tomar ningunha medida extraordinaria para axudar ás familias cuxos fillos e fillas están a cursar estudos, este goberno ten que deixar de arrastrar os pés porque o obxectivo é evitar que nin un só mozo ou moza deixe de estudar pola crise”, incidiu.

Na cidade das Burgas, acompañada do candidato á Alcaldía, Luís Searas, a líder do Bloque recalcou o papel da universidade no futuro de Ourense, un concello que precisa un cambio de rumbo do que só o BNG é garantía, porque Pontón advertiu que o PP non dubidará en volver apoiar ao “alcalde letal” con tal de manterse no poder.

O BNG, alternativa para abrir un tempo novo en Ourense

“Fixérono e se volven necesitalo despois do 28M volverán facelo sen importarlles volver sacrificar Ourense outros catro anos, por iso o BNG é única a garantía de que a dereita, nunha versión ou noutra, non vai gobernar nesta cidade. Dicímolo con toda clareza e coa convicción, ademais, de que temos un proxecto ilusionante que ofrecerlle ás veciñas e veciños, encabezado por Luís Seara”, explicou.

“Ofrecemos a única alternativa que garante que vai haber un proxecto que poña en marcha todo o potencial da cidade, que colabore para crear novas sinerxías coa universidade e construír unha urbe con máis forza e capaz de aproveitar todo o potencial de Ourense. Entendemos que para o futuro de Ourense e o futuro de Galiza a universidade pública é fundamental”, recalcou.

E para facer posible ese cambio, Pontón apelou á “rebeldía” da mocidade. “Temos unha proposta sólida, un excelente candidato e un equipo preparado para devolverlle o rumbo claro a Ourense. E con esa ambición, tendémoslle a man aos mozos e mozas que queren un Ourense mellor e teño a confianza de que van ser o motor do cambio que o BNG aspira liderar”.

“Ourense ten enormes valores e calidades e nós queremos ser o acelerante para que esta cidade recupere orgullo, recupere posicións e que sexa noticia polo bo facer e non polo que todas e todos xa sabedes”, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG