parlamento galego

Ana Pontón propón máis persoal e maximizar o Sergas mañá, tarde e fins de semana se fose preciso até reducir as listas de espera

Ana Pontón
Ana Pontón

Acusa a Rueda de levar atención primaria e urxencias ao colapso tras 17 anos de recortes na sanidade pública para favorecer o negocio privado

“O gurú da credibilidade cuxo mérito é ter a 11.000 nenxs sen pediatra”, ironiza

Denuncia que a sanidade privada recibe a cifra record de 341 M€ e que os seguros privados aumentaron un 166%: “Parabéns, señor Rueda”

A portavoz nacional, Ana Pontón, propuxo no Parlamento contratar máis profesionais no Sergas e poñer a funcionar a pleno rendemento todos os servizos hospitalarios, mañá, tarde e fins de semana se fose preciso, para “acabar coas listas de espera”.

A esta proposta sumou a posta en marcha dun plan de rescate da atención primaria para recuperar canto antes os 1.650 millóns de euros que o Goberno do PP recortou nos últimos 17 anos e rematar coa precariedade laboral que o Executivo instalou no sistema sanitario galego.

Medidas que demostran que hai outra política sanitaria posible fronte á desenvolvida por Alfonso Rueda, ao que acusou na sesión de control de levar a atención primaria e as urxencias ao colapso, tras 17 anos de recortes na sanidade pública para favorecer o negocio privado.

Pontón recriminou ao presidente da Xunta que coa atención primaria desbordada e as urxencias colapsadas con centos de persoas agardando nos corredores, o único que fixo en pleno colapso foi presentar un plan “para encher de chiringuitos a costa”, demostrando así cales son as súas prioridades.

Isto, e pedirlle tranquilidade á cidadanía co argumento de que esta situación se repite todos os anos. “Vostede sabe que as urxencias se van a converter nun calvario, pero non fai absolutamente nada, cruzarse de brazos, porque lle parece normal”, reprochoulle.

A líder nacionalista advertiulle que a quen non lle parece normal esta situación é aos centos de persoas que tiveron que agardar nos corredores dos hospitais, nin tampouco aos coordinadores de urxencias de todos os centros hospitalarios que, por primeira vez, denuncian o abandono e o colapso, afirmando literalmente que supón un risco para a saúde das e dos pacientes e unha aldraxe á súa intimidade e dignidade.

Neste sentido, pediu a Rueda un exercicio de empatía imaxinándose enfermo agardando durante horas nun corredor dun hospital para poder ser atendido e logo de recibir esa atención, seguir durante días agardando noutro corredor porque non hai camas.

“Esa é a realidade das urxencias que, lamentablemente, ao presidente da Xunta lle parece normal”, sintetizou, para advertir que isto “non pasa por casualidade, nin é só incompetencia, é tamén ideoloxía”, xa que o Goberno do PP leva 17 anos deteriorando a sanidade pública para beneficiar a privada”, o que evidenciou recordando o recorte de 1.650 millóns de euros na primaria.

A portavoz nacional tamén lembrou a Rueda que ten a 11.000 nenos e nenas sen pediatra, máis de 360.000 persoas esperando para unha atención hospitalaria e a un persoal sanitario “extraordinario” sometido a unha situación de maltrato tal e como tamén demostran os datos: 54% de precariedade en enfermería e 48% en medicina.

Por se isto fose pouco, afondou, os populares dedican cada ano máis recursos a financiar a sanidade pública, concretamente 341 millóns de euros este ano, “mentres as urxencias están colapsadas e os profesionais nunha situación límite”, recalcou.

“Nos últimos seis anos incrementáronse un 166% os seguros privados: parabéns, señor Rueda”, afeoulle, para criticarlle a continuación que a súa prioridade sexa “seguir deteriorando a sanidade pública para beneficiar a privada”.

Pontón reprochou ao titular do Executivo que, na vez explicarlle aos galegos e as galegas que pensa facer para solucionar os problemas do sistema sanitario, utilizase a súa quenda de resposta para realizar un “exercicio de escapismo” e lanzar “xogos de pirotecnia”, evidenciando así “a súa incapacidade para defender a situación que hai na sanidade pública”.

A habitual “lameira”, afondou, na que converte cada sesión de control porque non sabe como defender a súa xestión, entrando mesmo na descualificación persoal, neste caso ao poñer en dúbida a credibilidade da adversaria política. “O gurú da credibilidade, cal é a súa? Crear listas de espera en atención primaria, ter a 11.000 nenos e nenas sen pediatra e colapsar o noso sistema sanitario?”, ironizou.

“Señor Rueda, eu non dou carnés de credibilidade, pero o que delata o que está pasando na sanidade é a súa incompetencia para xestionar a sanidade pública deste País”, recriminoulle, para pedirlle a continuación que escoite aos profesionais, que lle están dicindo que “está convertendo as urxencias deste País nun lugar onde non hai capacidade para atender a todo o mundo”.

“Que lle impide mellorar as condicións dos médicos e médicas galegas se ten todas as competencias para facelo?”, cuestionoulle, logo de replicarlle que o BNG prefire estar nas rúas coa xente e coas e cos profesionais que defenden a sanidade pública, mentres que el prefire máis “estar nas pancartas coa extrema dereita e en contra dos dereitos da maioría”.

Pontón pediu ao presidente da Xunta que abandone o seu “manual de escapista” e deixe de botar balóns fóra culpabilizando ao BNG, as persoas que enferman, ao persoal sanitario en folga ou á cidadanía que defende a sanidade pública.

“Leva 32 anos no coche oficial e 17 no goberno da Xunta, pero o señor Rueda non ten responsabilidade de nada”, criticou para concluír emprazándoo a que, por unha vez, “exerza como presidente e tome medidas” para acabar co colapso nas urxencias e na atención primaria.    

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG