Ana Pontón propón iniciar un debate “sereno e con diálogo” para darlle a Galiza un novo status político de nación

O BNG conmemora o 85 aniversario do Estatuto do 36 e a celebración do orgullo LGTBI, “dúas caras da mesma moeda porque simbolizan a defensa da liberdade e da democracia,  de dereitos individuais e colectivos”

“Trátase de decidir e de ter soberanía para poder mellorar a vida dos galegos e das galegas”, salienta no acto simbólico na Praza do Obradoiro

Ana Pontón propón iniciar un debate “sereno e con diálogo” para darlle a Galiza un novo status político de nación

O BNG elixiu a Praza do Obradoiro para conmemorar e reivindicar os dereitos nacionais de Galiza con motivo do 85 aniversario do Estatuto do 36, ao que se suma a celebración do 28N a festa do orgullo e da diversidade sexual, “dúas caras da mesma moeda, simbolizan a defensa da liberdade e da democracia, a defensa de dereitos individuais e colectivos”, subliñou a portavoz nacional, Ana Pontón, no arranque da súa intervención.

Con Bóveda e Castelao como grandes referentes, “fonte permanente de inspiración, ideas e compromiso”, Pontón destacou que o nacionalismo galego é “un movemento político forte, cohesionado e en expansión, con vontade de ser maioría e de dirixir o futuro de Galiza”. Fronte a un “autogoberno degradado que converte a Presidencia do País nunha institución teledirixida, correa de transmisión das empresas do IBEX35 e da axenda reaccionaria da extrema dereita”, o Bloque defende “unha Galiza máis forte, con capacidade para tomar as decisións en función dos intereses do País”.

Con ese obxectivo, a líder do BNG anunciou unha estratexia de traballo en dous ámbitos: por un lado, reclamar todas as competencias pendentes; por outro abrir un diálogo para darlle a Galiza un novo status político.

“40 anos despois é tempo de que cumpran a lei e transfiran a Galiza todas as competencia pendentes en máis de 70 ámbitos, desde a AP9 até a conca do Miño-Sil, desde a xestión do dominio marítimo terrestre e ordenación do litoral até os portos, aeroportos, inspección de traballo, tráfico ou a determinación do réxime local de Galiza”, enumerou a modo de exemplos.

85 aniversario estatuto 1936Pero o actual Estatuto xa é “un traxe do século pasado que nos queda pequeno”, alegou, e por tanto, hai que dar un paso adiante para conseguir capacidade real para decidir.

“Por iso, unha das primeiras iniciativas do vindeiro período de sesións será  a proposta formal de abrir o debate, sereno e con diálogo, sobre un novo status político para Galiza, cun obxectivo moi claro: ter unha Galiza máis forte para mellorar a vida dos galegos e das galegas”.

No Bloque, explicou a portavoz nacional, “temos claro que necesitamos un novo status que nos recoñeza como unha nación e avancemos en capacidade real para decidir a favor dos galegos e das galegas”, sobre todo cando resulta evidente que no Estado estanse dando pasos para que Euskadi e Catalunya acaden a máis poder, “e non podemos permitir que Galiza queda atrás, relegada a unha mera rexión”, advertiu.

Poder de decisión máis necesario que nunca nun contexto de crises que se solapan, -sanitaria, económica, social, ambiental, democrática-, e que os grandes poderes económicos queren aproveitar en beneficio propio. “O que nos obriga a actuar con intelixencia, con audacia, con unidade e con altura de miras para conseguir unha saída galega, social e xusta(...), que poña por diante o interese común, os servizos públicos, a dignidade humana, as liberdades sociais e os dereitos nacionais”.

Unha nova Galiza con poder político

Capacidade de decidir sobre a enerxía eléctrica que produce Galiza fronte a un lobby eléctrico que impón o seu interese particular a través das portas xiratorias, decidir sobre as infraestruturas, sobre o 100% dos recursos cunha facenda propia que permita unha fiscalidade xusta e adaptada á realidade do País. Decidir sobre o mar, rexenerar as rías  e frear destrución do noso litoral.

“En definitiva, trátase de ter soberanía a favor das persoas que viven en traballan en Galiza”, sintetizou Pontón, “capacidade de decidir sobre os nosos intereses, promovendo un desenvolvemento pensado desde Galiza, respectuoso co medio, creando instrumentos fiscais e financeiros para crear benestar e transformar a economía”.

Desde a premisa de que nada volverá ser igual tras a pandemia, o BNG aposta por “construír unha nova Galiza”, con novas ideas e de novos liderados, desde o ecoloxismo e o feminismo; desde a ciencia e a innovación; desde os dereitos individuais e colectivos. “Vaise abrindo paso unha nación imparábel, con verdadeiro poder político, unha Galiza orgullosa, forte, viva e con futuro. Unha nación sen ataduras e sen límites”, concluíu Pontón.

 

Ana Pontón propón iniciar un debate “sereno e con diálogo” para darlle a Galiza un novo status político de nación