Ana Pontón propón dotar de psicoloxía clínica os centros de primaria ante un PP que ten a saúde mental na marxinalidade

Ana Pontón
Ana Pontón

“Miles de persoas non teñen máis axuda que unha caixa de Prozac ou Lorazepam”, nunha Galiza á cabeza en consumo de psicofármacos, alega

A taxa de suicidios supera a media estatal e 10.000 persoas esperan cita en psiquiatría. “A saúde mental non pode depender da túa conta corrente”.

No mellor dos casos, en 2024 haberá oito veces menos profesionais da saúde mental na pública dos que a Xunta consideraban necesarios en 1997

A portavoz nacional, Ana Pontón, abordou na sesión de control ao presidente da Xunta a situación da saúde mental en Galiza, aportando os datos que mostran unha “dolorosa” realidade que viven miles de persoas neste País, cunha taxa de suicidios en 2021 que case duplica a media estatal e a cabeza en consumo e psicofármacos.

Pontón puxo cifras a este drama. “331 persoas se suicidaron o ano pasado e incluso antes do shock da COVID, 400.000 galegos e galegas tomaban tranquilizantes ou pílulas para durmir, encabezando o consumo de somníferos, ansiolíticos ou antidepresivos”. Ante esta situación, a líder do Bloque interpelou ao xefe do Executivo: “Sabe, señor Rueda, que as galegas e os galegos son os que máis deprimidos se senten de todo o Estado?”.

Pero o Goberno do PP, denunciou, “leva trece anos ignorando esta durísima realidade, deixando solas a miles de persoas que, en moitos casos, non teñen máis axuda que unha caixa de ou prozac ou lorazepam. E non podemos dar isto por normal, nin tampouco que a saúde mental depende da conta bancaria de cada persoa, dependa de se tes cartos para pagar un psicólogo ou un psiquiatra na privada”.

A portavoz nacionalista, definiu os trastornos que afectan á saúde mental como “a pandemia do século XXI”, que en Galiza ten xa ao 23% da poboación cun problema de saúde mental crónico. “Miles de mozos e mozas cada día sofren angustia, trastornos alimentarios, auto-lesións; miles de mulleres e de homes sofren estres, ansiedade, insomnio, depresión; miles de persoas maiores sofren soidade, illamento social, sen máis recursos que os que lle poda dar a familia”, argumentou.

“Temos que poñernos na pel dunha familia que fai quendas porque non pode deixar só a un fillo, un pai, unha nai para evitar que pase o peor”, declarou, ante un Goberno do PP que leva trece anos mirando para outro lado tendo “á saúde mental na marxinalidade”. De feito, Galiza está á cola en número de psicólogos por cada 100.000 habitantes, 5 fronte a 18 de media na Unión Europea e con 10.000 persoas esperando por unha primeira consulta en psiquiatría.

Para abordar un problema de saúde desta magnitude, Pontón propón investimentos, empezando con dotar de 21 M€ nos orzamentos de 2023 o Plan de saúde mental 2020-24 anunciando polo Goberno popular pero ao que só consignaron 1,3 M€ nas contas de 2021. “É o mínimo, simplemente para que o PP cumpra o que anunciou”. Un plan que tamén propoñía incorporar 241 profesionais ao sistema público de saúde.

“Sabe cal é a cifra que recomenda un estudo da Xunta en 1997 señor Rueda? 1.500 especialistas. É dicir que, no mellor dos casos Galiza contará en 2024 con oito veces menos persoal que o que o propio Partido Popular estima necesario fai  24 anos, criticou.

Igualmente, o Bloque propón dotar os centros de atención primaria do servizo de psicoloxía clínica, “porque xa hoxe sabemos que o 30% das consultas nos centros de saúde están relacionadas coa saúde mental”, o que implicaría 460 novos especialistas na rede pública, cifra que estiman necesaria os propios profesionais e que colocarían  Galiza en 17 psicólogos e psicólogas por cada 100.000 habitantes, fronte aos cinco actuais, e a situarían na media da UE.

A portavoz nacional tamén propuxo reforzar o persoal de orientación nos centros escolares, que hoxe atenden a unha media de 800 alumnxs por orientador, catro veces máis do que recomenda a Unesco, “porque é fundamental para loitar contra o suicidio entre a poboación máis nova”, así como campañas de concienciación e sensibilización. “É un problema de unha enorme magnitude, que provoca moito sufrimento a miles de persoa neste País, e non se poder abordar nin con anuncios, nin con propaganda, senón con medias concretas e con recursos, económicos e humanos”, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG