A portavoz nacional, Ana Pontón, avanzou que o BNG levará ao Parlamento galego un paquete de medidas concretas para defender unha xustiza gratuíta que funcione como servizo público e que “evite que haxa cidadáns de primeira e cidadáns de segunda no acceso á xustiza”.
Así o anunciou logo da reunión que mantivo cunha representación do sindicato de avogados e avogadas Venia en relación á situación das e dos profesionais da quenda de oficio, na que tamén participaron os portavoces parlamentarios de Xustiza e Emprego, Iago Tabarés e Ramón Fernández, respectivamente.
Pontón propuxo en primeiro lugar aumentar os orzamentos que se destinan a financiar a xustiza gratuíta para garantir o dereito de acceso á xustiza en igualdade a todas as persoas, “con independencia da súa situación económica”, recalcou.
En segundo lugar, considerou “fundamental” que o Goberno do PP “negocie e aprobe dunha vez por todas un novo baremo de retribucións máis xusto e equitativo” para pagar o traballo que realizan as e os profesionais da quenda de oficio. “Hai que ter en conta que as retribucións actuais son inferiores ás que había no ano 2009 se temos en conta o que significou o IPC durante todo este tempo”, advertiu.
A terceira das medidas avanzadas pola portavoz nacional pasa por que a Xunta abone “en tempo e forma” aso colexios profesionais as achegas destinadas aos gastos de funcionamento e infraestruturas necesarias para o correcto funcionamento do servizo de xustiza gratuíta, dado que, denunciou, a día de hoxe, este pago vense realizando con até un ano de demora. De igual xeito, avogou por que se proceda a negociar un novo sistema de cálculo desas cantidades, tal e como estaba previsto no decreto de 2007.
Por último, Pontón defendeu a inclusión do trámite de conciliación na xustiza gratuíta, primeiro, porque así o require a lei pero, ademais, porque é un paso fundamental e obrigatorio para poder exercer a posterior defensa dunha causa e porque, engadiu, “precisa tamén asesoramento legal que as persoas sen recursos só poden recibir a través das e dos profesionais do turno de oficio”.
Neste sentido, advertiu que, pese a que a lei establece que este trámite debe formar parte da xustiza gratuíta, isto non se está efectivizando en Galiza, o que cualificou de “moi grave” porque é unha cuestión que está provocando especialmente que haxa cidadáns de primeira e de segunda á hora de poder acceder á xustiza gratuíta.
A líder nacionalista mostrou o recoñecemento do BNG ao “gran traballo” que realizan as e os profesionais da quenda de oficio, cuxa “capacidade, profesionalidade e compromiso” considerou fundamentais para o bo funcionamento da xustiza gratuíta, á que se referiu como un dereito fundamental das persoas que debe ser garantido pola Xunta.
“Pero a realidade é que os profesionais da quenda de oficio levan máis de ano e medio de folga sen que as súas demandas sexan atendidas e nin tan sequera foron recibidos polo titular da Consellería de Xustiza”, criticou, para denunciar a continuación que este sistema esencial para o funcionamento do Estado de Dereito “mantense en precario e polo voluntarismo e compromiso social das e dos profesionais que achegan os recursos necesarios para o funcionamento deste sistema”.
Pontón recalcou que só este compromiso dos e das profesionais, ás que o conselleiro nin tan sequera recibe, “é o que evita que haxa cidadáns de primeira e cidadáns de segunda ante a xustiza”. “Na Galiza, o Partido Popular pretende que tamén o acceso á xustiza dependa da conta bancaria, pese a que estamos falando dun dereito fundamental”, sintetizou.
A portavoz nacional fixo dúas consideracións últimas sobre esta cuestión. A primeira, a defensa por parte do BNG do dereito á folga das e dos avogados da quenda de oficio, que teñen todo o dereito a reclamar melloras nunhas condicións económicas que considerou “de mínimos”, a pesar de que desenvolven un traballo fundamental para garantir unha xustiza gratuíta, real e efectiva ás persoas sen recursos.
E, en segundo lugar, reiterou o compromiso do Bloque na defensa do dereito das e dos profesionais da avogacía a unha “xubilación digna", polo que avanzou que a formación nacionalista seguirá traballando para facer realidade a demandada “pasarela ó réxime de autónomos” que evite situacións de desprotección nas xubilacións como as que se están dando actualmente.
Neste sentido, salientou a importancia da toma en consideración hai apenas unha semana duna proposición de lei no Congreso nesta dirección. “Traballaremos tamén desde este ámbito para que esa toma en consideración realmente acabe dando lugar a unha lei que permita acabar coa situación que hai na actualidade”, concluíu.