Ana Pontón propón aumentar a 32 semanas o permiso para o coidado dos fillos e fillas das familias monoparentais

Ana Pontón
Ana Pontón
“É unha discriminación fronte ás familias con dous proxenitores que hai que corrixir e que afecta sobre todo ás mulleres e ás crianzas”, alega

A portavoz nacional, Ana Pontón, anunciou en rolda de prensa que o BNG vai levar tanto ao Congreso como ao Parlamento medidas para acabar coa discriminación que sofren a día de hoxe as familias integradas por un só proxenitor, muller no 80% do casos, en relación aos permisos de maternidade ou de paternidade, ao ter a metade de tempo para o coidado do seu fillo ou da súa filla que as familias biparentais.

“Non ten ningunha lóxica que as familias con dous proxenitores teñan dereito a 32 semanas de permiso retribuído para coidar aos fillos e fillas, mentres que as familias monoparentais son penalizadas e dispoñen da metade de tempo para o coidado das súas crianzas nun momento vital para os nenos e as nenas”, argumentou Pontón.

O BNG entende que é unha “discriminación e un agravio” cunha modalidade concreta de familia que non ten xustificación algunha é que hai que corrixir, “porque afecta a dereitos fundamentais das mulleres traballadoras, e tamén aos dereitos dos nenos e das nenas que se ven privados dun tempo de crianza coa súa nai ou pai”.

Por iso, o Bloque vai propoñer tanto no Parlamento galego como no Congreso que se modifique a lei para que as familias monoparentais teñan o mesmo tempo de baixa por maternidade ou por paternidade que no caso dunha familia biparental, é dicir, pasar de 12 a 32 semanas para o coidado do seu fillo ou da súa filla.

“Noutras palabras, que poidan utilizar as semanas que corresponderían á outra persoa proxenitora en caso de habela, e que podan utilizar ese tempo de xeito ininterrompido ou ben por períodos semanais dentro dos doce primeiros meses de crianza”, indicou Pontón.

Para isto requírese unha dobre modificación legal: por parte do Goberno do Estado, modificar a redacción do artigo 48 do Estatuto dos e das traballadoras para corrixir esta discriminación. Por parte do Goberno da Xunta, modificar o artigo 94 do decreto 2/2015 en materia de igualdade para garantir esta ampliación até 32 semanas do permiso por nacemento ou coidado de fillos e fillas nesta modalidade de familias.

“Sería a maneira de dar un trato igualitario e xusto a este tipo de familias que non debe ser penalizado fronte a outras e que, insisto, a día de hoxe discrimina e prexudica especialmente as nais traballadoras que son, no 80% dos casos, as que conforma familias de un só membro”, explicou a líder nacionalista.

Na súa comparecencia, apuntou ademais que xa son varias as sentenzas de distintos tribunais, tamén en Galiza, que están fallando a favor das nais de familias monoparentais que reclaman este dereito pola vía xudicial, pero non se trata de obrigarlles as nais e pais a ir aos tribunais para poder romper cunha discriminación.

“No caso de Galiza, ademais de ser unha cuestión de igualdade e de xustiza, hai que ter en conta o dramático problema demográfico que padecemos, cunha poboación moi envellecida, polo que debería ser unha prioridade de goberno avanzar en dereitos e en apoio ás familias que queiran ter fillos e fillas”, concluíu.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG