Municipais 2023

Ana Pontón proclama que Tono Chouciño será o alcalde que abra un tempo novo en Culleredo para darlle un futuro mellor o 28M

Acto Culleredo
Acto Culleredo

“O BNG ten un modelo municipal de éxito que aporta dinamismo social, económico e cultural e iso é o que queremos para este concello”, destaca

A líder nacionalista insta a “ir a por todas e coa man tendida”, convencida de que o Bloque será a forza política que máis medre nas eleccións locais

A portavoz nacional, Ana Pontón, participou na presentación de Tono Chouciño como candidato á Alcaldía de Culleredo, de quen destacou a súa tenacidade na defensa dos intereses da veciñanza dun concello que coñece “como a palma da man”. A líder do BNG proclamou que Chouciño será o alcalde que abra un tempo novo de futuro en Culleredo tras as eleccións municipais do 28 de maio.

“Culleredo ten todo o potencial para ser un concello de referencia na comarca e en Galiza, só lle falta liderado político e proxecto de futuro, un proxecto con rumbo e con ideas claras, con alternativas e con propostas para que Culleredo avance, progrese, mellore”, recalcou, “o BNG ten ese proxecto de futuro e temos tamén a persoa con capacidade e liderado para levalo a cabo: o noso candidato e próximo alcalde de Culleredo, Tono Chouciño”, proclamou.

A líder do Bloque subliñou a capacidade de traballo e a constancia do candidato. “Na defensa dos intereses de Culleredo non lle gana ninguén, porque ten a tenacidade que lle da o seu amor por este concello, pola súa xente, un concello que coñece como poucos”. Neste sentido, indicou, Chouciño sabe que é posible un Culleredo mellor e loita por conseguilo onde faga falta.

“Se hai que ir petar a Bruxelas, vai; se hai que darlle voz a Culleredo no Congreso, no Parlamento ou na Deputación, aí está enviando propostas concretas para defendelas a través do BNG onde faga falta”, explicou Pontón, convencida de que os comicios do 28M “van abrir un tempo novo neste concello da man de Tono e do BNG, porque é hora de mirar ao futuro con ilusión, con esperanza, é hora de confiar nas posibilidades deste concello”.

Como aval da capacidade do Bloque, a líder nacionalista puxo como exemplo o modelo municipal de éxito que desenvolve nos concellos que goberna. “Digo co máximo orgullo: os gobernos municipais do BNG son gobernos de calidade, que funcionan, son gobernos solventes, que saben xestionar con eficacia cada euro,  son gobernos con capacidade de transformar en positivo e de mellorar a vida das persoas, son gobernos que dan aos concellos dinamismo económico, dinamismo social, dinamismo cultural”, recalcou.

A modo de exemplo Pontón citou Carballo, por ser unha vila cunha poboación similar e tamén da área metropolitana da Coruña, un municipio que antes do liderado nacionalista estaba en decadencia e que hoxe é un referente.

“É o que queremos facer en Culleredo: abrir un tempo novo con Tono Chouciño como alcalde, porque estou segura que imos ter un resultado histórico nas eleccións do 28 de maio, porque estou segura que hoxe son maioría os veciños e as veciñas que queren abrir un tempo novo, de futuro, de ilusión e de esperanza, man a man co BNG, para construír un Culleredo mellor”, destacou, “e sei que tanto ti, Tono, como todo o equipo ides saír a por todas, coa máxima ambición e sen poñervos límites porque Culleredo o merece”.

Contexto de crise

A líder nacionalista tamén fixo referencia ao contexto de crise no que se celebra a campaña electoral, cun Goberno do PP “insensible aos problemas da xente, instalado na rutina, incapaz de tomar nin unha soa medida relevante para sacar Galiza adiante”.  Por iso,  o BNG vai seguir presentando alternativas viábeis para unha saída galega e xusta da crise.

Empezando pola defensa da sanidade pública tras catorce anos de recortes, aportando un modelo de atención primaria alternativo, que inclúa máis financiamento, persoal suficiente e novos servizos sanitarios nos centros de saúde.

Espolio eólico

Tamén fronte ao espolio eólico que promove o PP para que as eléctricas se sigan forrando, o BNG defende a tarifa eléctrica galega para abaratar a factura da luz ás familias e ás empresas, “que para algo estamos nun país rico en electricidade”.

Igualmente, propostas ante a subida dos xuros, tendo en conta que 175.000 familias teñen unha hipoteca. “O BNG ten propostas, un plan de rescate hipotecario pagado pola banca para axudar as familias hipotecadas con menos ingresos, porque tras poñer 90.000 M€ para rescatar aos bancos agora tócalle ás familias.

“Temos alternativas para este País,  así que moito ánimo, moito traballo, moita humildade, pero tamén moito orgullo e a por todas, porque é desde os concellos que empezamos a construír esa Galiza é grande que queremos e que nos merecemos”, concluíu.

 

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG