Ana Pontón proclama en Bonaval a necesidade de mudar o deseño centralista e darlle a Galiza status de nación

Acto Panteón Galegas e galegos ilustres
Acto Panteón Galegas e galegos ilustres

“Non podemos quedar nin un só paso atrás das outras nacións históricas”, reclama, e pide avanzar no recoñecemento da plurinacionalidade

O BNG recolle o legado do Partido Galeguista fundado o 6 de decembro de 1931, cuxo proxecto político foi clave para  impulsar o Estatuto do 36

A Constitución está esgotada e blinda privilexios centralistas e mantén unha institución como a monarquía, anacrónica e antidemocrática, alega

No acto organizado polo BNG no Panteón de Galegas e Galegos ilustres en Bonaval para render tributo ao Partido Galeguista, fundado tal día como hoxe no ano 1931, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, afirmou que este lugar confirma a historia propia de Galiza e a dun nacionalismo que  foi e segue sendo un “acelerador de mudanzas, un motor de modernización e transformación do noso país”.

A fronte daquel proceso emancipatorio, explicou a nacionalista,  estaban persoas como Alexandre Bóveda e Daniel Castelao. “A eles e a todas as mulleres e homes que deron o mellor de si por defender os dereitos nacionais e o benestar material das galegas e dos galegos rendemos hoxe tributo”, indicou.

Unha constitución esgotada e superada

Dende o BNG, engadiu Pontón, “celebramos esa Galiza viva e vizosa e ese galeguismo que xurdiu hai 92 anos”, mentres que outros conmemoren un marco constitucional “superado, que blinda privilexios centralistas  e mantén unha institución anacrónica e antidemocrática como a monarquía, unha constitución esgotada, que nos limita como pobo, frea as nosas capacidades e pon trabas ao noso desenvolvemento e benestar”.

Pontón lembrou que ao  longo de máis de catro décadas, puidemos constatar como “Galiza perdía posicións, peso económico, cohesión territorial e vitalidade demográfica”, e non hai unha única causa, puntualizou pero resulta evidente  que unha delas é “ese centralismo madrileño que sacraliza a constitución. Un centralismo que é letal para Galiza.”

Vímolo tamén nas limitacións dun autogoberno pequeno, que as forzas estatais, nin sequera permitiron desenvolver en todas as súas posibilidades. E como exemplo, “o nefasto balance de 14 anos do PP con cero transferencias,”  proba  evidente da súa irrelevancia política, da súa submisión a Madrid, e da súa incapacidade para defender Galiza ante o Estado.

“Hoxe proclamamos desde Bonaval que cómpre mudar ese deseño centralista, compartido polas forzas estatais e as súas sucursais, para abrir un tempo novo para o noso país”, recalcou a líder do BNG.

O BNG reclama un status político de nación

No acto celebrado en Bonaval, Pontón insistiu na necesidade de  “avanzar para que as decisións máis relevantes estean en mans da cidadanía galega, queremos gañar capacidade de decisión, avanzar no recoñecemento do carácter plurinacional, plurilingüe e pluricultural do Estado español.” E queremos avanzar “nun status político de nación” porque non podemos permitir quedar a un só paso por detrás das outras nacións históricas,  “non somos máis que ninguén, pero tampouco menos” recalcou.

Acto Panteón Galegas e galegos ilustres
Acto Panteón Galegas e galegos ilustres

Nesta liña, avogou pola transferencia  das competencias pendentes, despois de 40 anos e anunciou que  os  galegos e galegas “poden ter a seguridade de que o BNG vai traballar para conseguilo, con diálogo pero con toda a firmeza”.

Queremos para Galiza o “status político de nación”, con capacidade para decidir libremente sobre aquelas cuestións que afectan ao día a día dos galegos e das galegas, para gañar máis benestar, máis oportunidades, máis igualdade e un mellor futuro.

Somos conscientes da responsabilidade que temos como nacionalistas e estamos aquí para asumilas. Como fixemos co acordo de investidura acadado polo BNG, que logra avanzar en autogoberno, abrindo a porta a máis competencias e, logra mellorar a vida da cidadanía con medidas como rebaixas nas peaxes, máis medios contra a violencia machista, melloras nas infraestruturas e avances en política social e en benestar.

E mentres o BNG traballa en positivo con acordos que melloran a vida das persoas, o Sr.. Rueda dedícase a poñer paus nas rodas, porque cando se trata de escoller entre Galiza ou  o PP sempre “se pon de lado dos seus xefes de Madrid”.

“O servilismo do Sr. Rueda é tal  que mesmo permite que a convocatoria das eleccións galegas a decidan nun despacho da rúa Génova en función da súa estratexia partidista do PP”.

O BNG preparado para dirixir Galiza

Sexan cando sexan as eleccións, reiterou Pontón  “o BNG está preparado, conscientes de que estamos ante a cita coas urnas máis importante das últimas décadas, conscientes de que o cambio galego que lidera o BNG está aquí e é imparable”.

“As próximas eleccións galegas son unha oportunidade para abrir un tempo novo e darlle a este País a primeira presidenta coas mans libres, porque a min ninguén me vai poñer límites desde Madrid.”

Para iso é necesaria unha grande mobilización desa maioría social que está cansa de 14 anos de desgoberno e de desidia e desde este lugar cargado de simbolismo e  ao pé de Castelao, eu digo  que “temos todo por gañar e saímos a gañar” para  colocar Galiza entre as nacións máis avanzadas, desde a ciencia e a innovación, unha Galiza que blinde os servizos públicos, que vele pola calidade de vida e o desenvolvemento persoal.

“Queremos poñer en marcha unha Galiza feminista, libre de violencias machistas e que sexa referente na defensa da diversidade e dos dereitos LGBT”, unha Galiza con oportunidades para a xente moza poida desenvolver o seu proxecto de vida aquí, sen ter que optar entre precariedade e emigración, un país cunha democracia de calidade, cos maiores niveis de participación e coa máxima exemplaridade no exercicio da política. Unha Galiza internacionalista e solidaria e defendendo  dereitos dos pobos, no antiimperialismo e no pacifismo. Por iso expresamos unha vez máis “a solidariedade co pobo palestino e denunciamos a ocupación e as agresións do exército de Israel que están a provocando un xenocidio contra o pobo palestino”.

Unha Galiza, agregou Pontón, que poda  decidir sobre as súas infraestruturas,  o  litoral, o deseño económico, as súas  finanzas e a súa enerxía.

Dixo Castelao que a liberdade é a única reserva coa que contan os pobos para crear o seu futuro e Galiza está nun deses momentos e que se escolle que futuro queremos para todos e todas.

Poñer en marcha a Galiza que queremos e merecemos

Desde o BNG, afirmou Ana Pontón  “apostamos por abrir unha tempo novo en Galiza e quero dicirlles aos galegos e galegas que aquí hai sitio para todas e todos, independentemente da súa procedencia, da súa idade, do seu xénero, ou do que votasen no pasado”.

E poden ter a certeza de que o BNG, e eu mesma imos traballar sen descanso e imos dar o mellor de nós para “poñer en marcha a Galiza en grande que queremos e merecemos”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG