galegas 2024

Ana Pontón prevé como presidenta crear unha empresa pública de enerxía para poñer a riqueza eléctrica ao servizo do País

Visita As Pontes
Visita As Pontes

O BNG presenta un modelo enerxético alternativo ao espolio eólico do PP para que os beneficiarios sexan as familias e as empresas e non o lobby eléctrico

“Queremos unha excepción galega”, asegura durante a presentación nas Pontes do programa de goberno do Bloque en materia enerxética

A candidata á presidencia da Xunta comprometeuse hoxe nas Pontes a impulsar a creación dunha compañía eléctrica pública liderada pola Xunta que garanta ás galegas e aos galegos o acceso á enerxía como dereito esencial e, ao mesmo tempo, faga que os beneficios que xeran os recursos galegos se queden no País. “Unha das miñas primeiras decisións como presidenta de Galiza en materia enerxética será quitar a cadeira que o lobby eléctrico ten no Consello da Xunta!, anunciou.

Pontón presentou este luns as propostas de goberno do BNG en materia enerxética coas torres de Endesa no concello das Pontes como telón de fondo, un escenario simbólico do modelo enerxético “que nos impoñen desde Madrid en contra dos intereses de Galiza” e que permite que empresas como Endesa, Naturgy ou Iberdrola “leven décadas  explotando os nosos recursos sen que iso teña un retorno no País, nin para as pequenas e medianas empresas nin para as familias, moitas das cales este inverno seguirán pasando frío porque non poden asumir o elevado custe da luz”, denunciou.

Dende As Pontes, Pontón comprometeu unha alternativa que pasa por tres cuestións básicas: a primeira, poñer a riqueza eléctrica de Galiza ao servizo dos galegos e as galegas, contribuíndo ao desenvolvemento económico, social e á creación de traballo de calidade; a segunda, “democratizar” o acceso á enerxía; e a terceira, preservar a biodiversidade, o territorio e o medio ambiente.

“O modelo enerxético do BNG deixa a riqueza no País e coida do planeta, é un modelo socialmente xusto, democrático e transparente”, sintetizou Pontón, que avanzou, entre outras medidas, que se a cidadanía lle da a confianza de presidir a Xunta creará unha empresa enerxética pública aberta á participación dos concellos, como xa teñen en países como Francia ou Suecia, unha empresa que permitiría, entre outras cuestións, o control da enerxía como ben básico e ir recuperando a xestión das centrais hidráulicas que vaian caducando.

A alternativa do BNG inclúe tamén a posta en marcha da tarifa eléctrica galega que permita rebaixar a factura das familias galegas. “Queremos a excepción galega”, proclamou, subliñando que as tarifas diferenciadas xa existen noutros países de Europa e teñen “todo o aval legal”. “En Galiza exportamos unha parte da enerxía eléctrica que producimos e é lóxico que o custe social e ambiental que soportamos teña unha compensación para o País”, asegurou.

A favor da enerxía eólica, pero non do boom depredador

Pontón quixo deixar claro que o BNG está a favor da eólica, mais non do “boom eólico depredador ao servizo das grandes enerxéticas que non teñen en conta cuestións ambientais e non respecta á xente do rural”. Avogou, neste sentido, por unha planificación das renovábeis que harmonice intereses económicos, sociais e medioambientais, e propuxo que o vento sexa declarado ben público, de maneira que a súa explotación estea suxeita a concesións temporais, como sucede coa enerxía hidráulica.

A candidata defendeu tamén que o desenvolvemento de novos parques eólicos estea condicionado a que as empresas que os xestionen “teñan a súa sede en Galiza e paguen aquí os seus impostos”, permitindo ao mesmo tempo unha maior participación pública na súa explotación.

Galiza, segundo o modelo do Bloque, apoiará o autoconsumo e reclamará todas as competencias en materia enerxética e decidirá sobre as instalacións enerxéticas de máis de 50 Mw para facer unha planificación integral do parques eólicos. Ademais, o litoral galego será declarado libre de eólicos por ser incompatible co sector pesqueiro e marisqueiro.  

O modelo enerxético do BNG pasa igualmente pola innovación e o desenvolvemento de tecnoloxía enerxética e, neste sentido, inclúe a creación dun centro de I+D+i vinculado ao almacenamento de enerxía nas Pontes, onde existe o capital e o coñecemento necesario e onde “seguimos pendentes de poder levar adiante unha transición enerxética xusta”.  

Defender de maneira firme os intereses do País ante a situación xerada polo peche das centrais é, precisamente, outra das medidas que recolle o decálogo presentado por Pontón, que quere dun Goberno galego que faga valer ante o Estado o dereito de Galiza a beneficiarse dos plans de carbón, dos que ten sido excluída e discriminada.

“Trátase de cambiar o modelo, de democratizar o desenvolvemento enerxético e de poñer en marcha unha nova estratexia que permita que a riqueza eléctrica de Galiza se poña ao servicio da sociedade galega e non ao servizo das eléctricas”, concluíu á candidata á presidencia da Xunta.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG