Ana Pontón presenta o proxecto municipal do BNG para a Costa da Morte centrado na economía, servizos públicos e mobilidade

Acto Costa da Morte
Acto Costa da Morte

“Temos alternativas para darlle futuro a esta comarca”, destaca no acto cos cabezas de lista nas eleccións locais nos concellos de Carnota, Camariñas, Cee, Muxía, Fisterra, Zas e Dumbría

“Non se pode recortar en pediatría nos centros de saúde e despois pedirlle a xente moza que forme o seu proxecto de vida no rural”, alega

Proclama que o BNG non se pon límites de cara á cita municipal e anima aos candidatos nacionalistas a ir a por todas nos concellos da comarca

Entre as demandas para a zona: rematar a autovía da Costa da Morte, eliminar as peaxes da AG-55, plan de transporte e tecnoloxías do S. XXI

A portavoz nacional, Ana Pontón, participou na presentación das persoas que encabezarán as candidaturas do BNG na Costa da Morte, unha vez que a militancia xa ten elixido aos cabezas de lista dos concellos de Carnota (Ramón Noceda), Camariñas, (Xurxo Rodríguez Baña), Cee (Serxio Domínguez), Muxía (Carlos Fernández), Fisterra (Xan Carlos Sar, Kuka), Zas (Manuel Muíño) e Dumbría (Xaime Trillo), pendentes Corcubión e Vimianzo.

O acto, que congregou a un cento de persoas en Camariñas, coincide coa data simbólica do vinte aniversario do afundimento do Prestige, que tivo esta comarca como zona cero do desastre pero que dúas décadas despois aínda espera pola maioría das infraestruturas comprometidas.

“É evidente que non se cumpriu coa Costa da Morte e tamén que non se están facendo as cousas ben porque esta comarca está perdendo oportunidades e vai a menos”, denunciou Pontón, quen esgrimiu como dato a continuada perda de poboación en todos os concellos coa excepción de Cee, dez mil habitantes menos desde 2003.

“Menos poboación e máis envellecida, porque quen marcha é precisamente a xente moza por falta de traballo, polo continuo recorte en servizos básicos, -sanitarios, educativos, bancarios-; mesmo por falta de servizos tecnolóxicos, como ter conexión internet a alta velocidade e a prezos competitivos”, argumentou.

Para darlle a volta a esta situación, Pontón presenta o proxecto municipal do BNG para os concellos da comarca que ten como denominador común apostar pola dinamización do tecido económico local, reforzar os servizos públicos, -sanidade, educación, coidado dos maiores e todo o que permita a conciliación laboral e familiar-, e dotar á Costa da Morte dun servizo de transporte que permita a mobilidade da poboación.

Acto Costa da Morte
Acto Costa da Morte

“No BNG temos claro que hai que darlle a volta a esta situación para que a Costa da Morte teña futuro e para conseguilo é fundamental que os concellos teñan gobernos municipais solventes, cun proxecto serio e con propostas concretas, capaces de revitalizar e dinamizar esta comarca no económico, no social, no cultural. Eses son os proxecto de goberno que representa o BNG para os concellos da Costa da Morte”, explicou.

Sectores económicos

No ámbito económico, sinalou como prioridades “lograr que os parques empresarias que hoxe están case baleiros ou a medio gas, consigan novas empresas; apoiar o tecido económico e produtivo da zona”. Igualmente, o proxecto municipal do BNG para aposta polo comercio local, por apoiar aos sectores produtivos tradicionais da zona como o agrogandeiro e a pesca, así como polo puxante sector turístico, aproveitando a riqueza natural, paixasítica e o patrimonio artístico e cultural da Costa da Morte, apostando pola calidade.

Servizos de calidade Vs. recortes

No social, o proxecto municipal para esta comarca aposta pola defensa dos servizos públicos, fundamentais para revitalizar e dinamizar estes concellos. “Se queremos que a xente viva no rural debe contar con servizos de calidade, empezando por reverter os recortes en Sanidade do PP, reforzar atención primaria, dotar de pediatras os centros de saúde. O que non podemos é dicirlle a xente nova que desenvolva aquí o seu proxecto vital e despois non darlle servizos”, argumentou.

O Bloque tamén considera prioritario a mobilidade, “un transporte público capaz de conectar os concellos da comarca entre si, con outras vilas e coas cidades de referencia”, indicou, “con conexións axustadas ás necesidades da veciñanza por razóns de traballo, de saúde, para facer xestións ou simplemente por ocio, porque unha Costa da Morte viva, pasa por unhas boas comunicacións”.

A por todas nas municipais

Pontón rematou destacando que o BNG, a través dos seus responsables municipais e desde o Parlamento e o Congreso, vai seguir na defensa dos intereses dos veciños e das veciñas ante o Goberno da Xunta.

Con demandas moi concretas, algunhas longamente reclamadas, como rematar a Autovía da Costa da Morte; suprimir as peaxes na Autovía Carballo-A Coruña; plan de mobilidade cunha nova planificación das conexións de transporte público que mellore en rutas e horarios ou un plan de mellora das telecomunicacións e dixitalización para darlle á comarca unha tecnoloxía do século XXI.

“Estou segura que todos e todas ides dar o mellor de vós, explicando as propostas do BNG a toda a veciñanza, cara a cara, porta a porta. Nos nós poñamos límites e vaiamos a por todas para darlle á Costa da Morte gobernos do BNG capaces de mellorar a vida da xente”, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG