parlamento galego

Ana Pontón presenta a proposición de lei Ángeles Alvariño para que ningunha muller teña que elixir entre ser nai ou científica

O obxectivo é acabar coa discriminación no acceso ás convocatorias e axudas con procesos selectivos que penalizan as baixas por maternidade

O 50% das mulleres abandonan a súa carreira científica a tempo completo tras ser nais, porque asumen o peso dos coidados e da conciliación

A portavoz nacional, Ana Pontón, e a portavoz parlamentaria de Ciencia, Olalla Rodil, presentaron a proposición de lei Ángeles Alvariño para corrixir a discriminación que soportan as mulleres no ámbito da ciencia e da investigación no acceso ás convocatorias e axudas con procesos selectivos que penalizan as baixas por maternidade.

“A desigualdade é unha dura realidade coa que convivimos as mulleres en todo o planeta, pero hoxe queremos centrarnos na discriminación nun ámbito moi concreto, -o da ciencia e da investigación-, e poñer o foco nun aspecto igual de concreto, -o da maternidade-, noutras palabras, a discriminación que obriga ás mulleres a ter que elixir entre ser nais ou ser científicas”, salientou Pontón na comparecencia.

Unha disxuntiva que constatan as denuncias dos últimos anos especialmente nas convocatorias públicas de I+D+i,  como no caso das axudas posdoutorais da Xunta. En 2020 tres investigadoras posdoutorais presentaron unha denuncia ante a Valedora do Pobo pola discriminación na avaliación do seu rendemento por terse acollido a permisos de maternidade.

Ou o caso de María de la Fuente, directora de Nanooncoloxía do Instituto de Investigacións Sanitarias de Santiago, a quen unha sentenza recente lle deu a razón recoñecendo que foi discriminada por razón de xénero porque no cómputo da súa traxectoria profesional non se tivo en conta os meses de permiso de maternidade.

Ao lado dos criterios de avaliación que discriminan ás científicas que optan por ser nais, hai que sumar que son as mulleres, tamén neste eido, as que asumen o peso dos coidados e da conciliación, de tal xeito, que case o 50% das científicas abandonan a súa carreira investigadora a tempo completo tras ser nais, segundo Nature.

En Galiza apenas o 27% das universitarias cursan carreiras científicas ou técnicas, e só dúas de cada dez cátedras no SUG están ocupadas por mulleres. “Por iso temos que avanzar na corresponsabilidade e suprimir as barreiras que impiden competir en condicións de equidade ás mulleres. E ese é o obxectivo desta proposta de lei”, recalcou Pontón.

En definitiva, sentar as bases para acabar cunha situación que, de facto, obriga a escoller entre ser científicas ou ser nais. “Unha inxustiza para as mulleres que a sofren pero tamén unha perda de talento para o conxunto do País e por iso queremos acabar cunha discriminación ás mulleres científicas que, ademais, nos empobrece como sociedade”, sintetizou a líder do BNG.

Como explicou Rodil, “nomeamos a proposición de Lei Ángeles Alvariño en homenaxe a esta galega pioneira da oceanografía na década dos 70 nos EEUU e referente na loita contra a discriminación das mulleres na ciencia que coñecía moi ben porque a sufriu en primeira persoa”.

O texto lexislativo recolle medidas para garantir a igualdade de xénero no acceso ás convocatorias de investigación nas universidades, organismos de investigación e entidades do sistema de I+D+i galego, “igualdade que a día de hoxe a Xunta non garante”. Así mesmo, busca incorporar a perspectiva de xénero na universidade e na investigación, á fin de promover a igualdade entre mulleres e homes.

Rodil detallou as propostas máis significativas dunha proposición que pon o foco na discriminación por maternidade. Entre elas, medidas para dar visibilidade ao traballo das investigadores, por exemplo a través a creación de cátedras de xénero, apoiando a participación en órganos colexiados ou potenciando a vocación científica entre as mulleres.

Igualmente,  medidas que promovan un usos dos tempos e da organización do traballo que facilite a conciliación e favoreza a corresponsabilidade. “É unha proposición de lei pioneira para seguir avanzando nunha sociedade máis xusta e democrática”, concluíu Rodil.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG