municipais 2023

Ana Pontón presenta as candidaturas do BNG en Bergantiños como “a opción para que os concellos da comarca avancen”

Candidaturas Bergantiños
Candidaturas Bergantiños

“É o momento de pensar en grande, con propostas en positivo, avanzadas, pensando nas persoas, como fixo o Bloque en Carballo hai anos”, indicou

Amosouse convencida de que é o momento de darlle unha oportunidade ao BNG o próximo 28M e de que será a forza que máis suba

A portavoz nacional, Ana Pontón, asistiu á presentación dos candidatos e candidatas á Alcaldía nos distintos concellos da comarca de Bergantiños.

A líder do Bloque estivo acompañada por Evencio Ferrero (Carballo), Carolina Castiñeiras (A Laracha), Xosé Antonio Andrade (Coristanco), Tatiana Rellán (Cabana de Bergantiños), Miguel Varela (Malpica de Bergantiños), Fátima Rodríguez (Ponteceso) e Xosé Manuel Pose (Laxe), aos que definiu como “homes e mulleres que se presentan con toda a ilusión, con amor polos seus concellos e van dar o mellor de si para facer avanzar os concellos nos que aspiran a alcaldía”.

Pontón quixo poñer Carballo como exemplo de que “o BNG, onde goberna, demostra que ten un modelo municipal transformador que fai avanzar en positivo”. A portavoz nacional puxo de manifesto como a vila hoxe en día é un referente en Galiza polo seu urbanismo sostible e á medida das persoas, pola recuperación e a cohesión dos barrios ou polos servizos públicos que ofrece.

“Carballo destaca tamén polas súas políticas feministas e a favor da igualdade social, polo seu gran tecido empresarial e comercial, pola conservación do medio ambiente, polo seu espectacular dinamismo cultural e pola defensa da nosa lingua común, o galego”, recalcou Pontón, “sendo un lugar excelente para vivir e traballar, con calidade de vida e con benestar”.

O modelo BNG en Carballo, extensible á Comarca de Bergantiños

A líder do Bloque indicou que “o modelo de Carballo é o que o BNG quere para todo Bergantiños, con propostas en positivo, avanzadas, con determinación e con ilusión”. Pontón manifestou como, “desde a honradez e a humildade, pero coa máxima ambición política, os equipos de Carballo, A Laracha, Coristanco, Cabana de Bergantiños, Ponteceso e Laxe están listos para aproveitar ao máximo as inmensas posibilidades que hai nos concellos da comarca”.

Do mesmo xeito, quixo pedir a confianza dos veciños e veciñas para poder demostrarlles que o BNG é sinónimo de modernidade, de avance, de progreso e das solucións máis avanzadas. “Os gobernos municipais do BNG son gobernos de calidade, son gobernos solventes, que saben xestionar con eficacia cada euro, son gobernos con capacidade de transformar en positivo e de mellorar a vida das persoas, son gobernos que dan aos concellos dinamismo económico, dinamismo social e dinamismo cultural”, subliñou a portavoz nacional.

Pontón apelou a que “nas rúas, nas prazas e nas empresas hai unha enorme ilusión e esperanza en torno ao BNG porque a sociedade quere outra forma de facer política”. “É o momento de darlle unha oportunidade ao BNG o próximo 28M porque representamos o entusiasmo, o empuxe, a vitalidade e o optimismo que Galiza necesita. Estou convencida de que seremos a forza política que máis suba”, concluíu.

 
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG