A portavoz nacional, Ana Pontón, presentou o BNG como alternativa de goberno a un PP instalado no insulto, na propaganda e na deslealdade con Galiza. “O Goberno de Rueda non goberna: “insulta, fai propaganda, busca culpables e traballa para as empresas amigas do PP”.
“Vemos con preocupación un PP que importa o discurso racista”, engadiu, despois de que esta noite o centro de que ía acoller menores migrantes fose atacado e queimado. “Un ataque que condenamos enerxicamente”, dixo, emprazando o PP a que “deixe o discurso racista e de odio e de facer política ruín e partidista con nenos e nenas que están sos, que perderon as súas familias e que necesitan unha oportunidade. "É unha mecha moi fácil de acender pero moi difícil de apagar", advertiu. "Nós somos un pobo emigrante e unha terra de acollida, e así debemos seguir sendo”, asegurou durante a primeira reunión do Consello Nacional deste curso político.
Pontón contrapuxo a capacidade do Bloque para defender os intereses de Galiza, aquí e ante o Estado, cunha forma diferente de facer política que “só se debe aos galegos e galegas” fronte á incapacidade política do PP na Xunta. “Somos o muro de contención contra un Goberno de Rueda que antepón os intereses do PP a Galiza” cun presidente “desleal que actúa como mero recadeiro de Feijóo”, incidiu.
“Non imos entrar nese xogo, non nos imos deixar arrastrar pola política da lama que quere Rueda quere importar a Galiza”, asegurou, cualificando esa forma de facer política de “estratexia consciente” porque “canto máis se fala de insultos, menos se fala dos incendios, da sanidade pública, da educación, do prezo da luz ou da precariedade laboral”, aclarou.
A líder do BNG advertiu que “Galiza non precisa políticos insultándose no Parlamento”, dixo, recordando como no último Pleno do Parlamento, o PP, no debate sobre os incendios, dedicouse a repartir insultos e chegou a cualificar a portavoz nacional de “femia alfa dunha manada de hienas”. “Ese é o estilo Rueda, o insulto aos adversarios para tapar a súa incompetencia”.
Pontón lembrou que o BNG levará ao vindeiro Pleno a prosposta da creación dunha Comisión de Investigación para determinar que fallou na vaga de incendios do mes de agosto para que se acabasen convertendo nunha das maiores catástrofes ambientais, sociais e económicas do País e despois de que Rueda estivese ausente cando levaba dez días ardendo. “O presidente da Xunta seguía de veraneo, de paseo en moto, de festa e de touradas”, afeou.
Asegurou que os incendios deste verán, que deixaron máis de 140.000 hectáreas queimadas, centos de persoas desaloxadas, casas, viñedos e explotacións agroganderias afectadas e nove brigadistas hospitalizados, son “o resultado de 35 anos da política de abandono e eucaliptización do PP, que converteron o noso monte nun polvorín.
Lamenta que, lonxe de pedir perdón por unha xestión “nefasta”, Rueda optase pola “prepotencia e pola autoexculpación”, sen asumir erros nin responsabilidades. “Hai que pasar a unha política forestal a favor do rural, do territorio e do medio ambiente. Xa abonda de que a política forestal deste País a marquen Ence e Altri”, proclamou.
A submisión de Rueda a Madrid e a negativa a condenar o xenocidio de Gaza
Máis aló da “incapacidade política” do presidente da Xunta, a líder do BNG salientou que a “submision de Rueda ao tándem Feijóo-Ayuso” está chegando a uns niveis que “rozan o disparate”, en referencia á súa negativa á quita de 4.000 millóns de euros na débeda pública. Unha rebaixa que logrou o BNG no acordo de investidura co PSOE, garantindo o mesmo trato que a calquera outra comunidade autónoma.
“Rueda quere tirar pola borda esa quita simplemente porque iso é o que lle convén á estratexia de confrontación cutre de Feijóo-Ayuso. Está disposto a que os galegos e as galegas perdamos miles de millóns de euros, porque llo mandan desde Madrid!”, lamentou.
Para a portavoz nacional do BNG, o maior exemplo desta submisión ao PP de Madrid, e que cualificou de “humanamente intolerable”, é a súa negativa a condenar o xenocidio de Gaza. “Ninguén, ninguén en Galiza entende por que o presidente da Xunta se nega a condenar o xenocidio contra o pobo palestino”. Máis de 70.000 persoas asasinadas,—miles de nenos e nenas— a mans do "Estado criminal de Israel”, recordou.
Que máis ten que pasar para que o señor Rueda acepte que estamos ante un xenocidio?” preguntou, emprazando o presidente da Xunta a rectificar, a “deixar de estar no lado equivocado da historia e a ter a dignidade, no próximo Pleno, de poñerse do lado do pobo palestino”.
Fronte á crispación, propostas.
Fronte a esta incapacidade de Rueda a gobernar para Galiza e fronte á crispación, Pontón puxo en valor a capacidade do BNG, coa forza que lle deron as urnas, para actuar como auténtico goberno alternativo na defensa do País e tamén ante o Estado. Logros como a cada vez máis plausible posibilidade dun tren de cercanías, a conexión por tren entre Lugo e Ourense modernizada, o saneamento da Ría do Burgo ou os descontos históricos de até o 75% das peaxes da AP-9, son mostra desa capacidade de actuación do Bloque Nacionalista galego.
Neste punto, Ana Pontón volveu pedir a nulidade do contrato da AP9 e unha autoestrada libre de peaxes e denunciou a “hipocrisía” do Partido Popular, que con José María Aznar aprobou a ampliación da concesión a Audasa, condenándonos a pagar a “estafa” das peaxes durante 25 anos máis, ate 2048, e que a Unión Europea vén de declarar ilegal.
Acusou a ese mesmo PP de estar estes días “facéndose o ofendido, botando balóns fóra” e intentando enganar a xente. “En Galiza sabemos perfectamente que o responsable de que hoxe sigamos pagando a estafa das peaxes é o Partido Popular!”, proclamou, preguntándolle tamén ao PSOE no goberno do Estado “por que se empeña en defender a prórroga ilegal do PP?”
Criticou a PSOE e PP por “alternarse na discriminación a Galiza”, ao dicir unha cousa cando están na oposición e facer a contraria no goberno. “A única forza que sempre estivo no mesmo sitio, na defensa dunha AP9 galega e libre de peaxes foi o BNG. E non imos parar até conseguilo”, asegurou.
“Xa abonda de tomarlle o pelo a Galiza por uns e por outros, abonda de poñer o interese de Audasa por riba dos galegos e das galegas. Deixen de dar largas e aproveiten a porta aberta por Bruxelas para rescatar a autoestrada, por xustiza e porque suporía aforrar miles de millóns de euros en cartos públicos”, xustificou.
Ana Pontón rematou a súa intervención apelando á responsabilidade do BNG de “ofrecerlle á cidadanía unha alternativa á desfeita do PP”, que deixa unha Galiza cada vez “máis pequena, con menos oportunidades e recortando a calidade de vida da xente”.
Recortes que se aprezan nos 2.000 millóns de euros menos en atención primaria, na perda de docentes na pública mentres se financia o ensino privado, na ausencia de residencias públicas construídas en 16 anos de goberno, mentres se fai negocio coa vellez, ou no colapso do Servizo de Axuda no Fogar.
Neste punto, a Portavoz Nacional quixo lembrar a Teresa de Jesús, que foi a asasinada o pasado mes de xullo mentres facia o seu traballo do SAF nun domicilio en Porriño.Tamén fiso referncia ás dificultades para acceder a unha vivenda, á merma dos sectores produtivos ou á perda de emprego industrial mentres se ofrece espolio eólico, megaminaría contaminante e macrocelulosas.