Xerais 2019 (10N)

Ana Pontón pregunta que máis ten que pasar para que Feixóo se desmarque dos pactos do PP con VOX

Executiva
Executiva
Agradece o apoio de todos os galegos e galegas que confiaron no BNG, a militancia e colectivos como Compromiso por Galicia e avanza que Néstor Rego defenderá “unha axenda galega” no Congreso

Na  comparecencia para valorar os resultados electorais, a   portavoz nacional do BNG, Ana Pontón agradeceu o apoio de todos os galegos e galegas que confiaron no BNG así como a militancia e colectivos, como Compromiso por Galiza, e persoas “sen o carné do BNG” que fixeron posible o retorno desta forza política ao Congreso dos deputados.

A portavoz nacionalista afirmou que é “unha boa noticia que o Bloque” volva a ter representación porque será a garantía de que Galiza  exista con “voz propia” pero  tamén para  contribuír a que no Estado español non se produza ningún tipo de involución democrática. Estaremos aí para que se produza un goberno de progreso pero sempre marcado por “unha axenda galega e con solucións aos problemas do noso país”, explicou.

Ante o novo  mapa político  do 10N, Pontón mostrou a súa preocupación polo peso da extrema dereita  cuxa responsabilidade, dixo, corresponde tanto a dereita como á esquerda española. O Partido popular e Ciudadanos pactaron con Vox normalizando a un partido “xenófobo, racista, machista e antigalego” e  PSOE e PODEMOS por non plantarlle cara na campaña electoral contribuíndo ao seu “branqueamento”.

A extrema dereita, afirmou Pontón, “hai que desenmascarala e denunciar que non é unha forza política democrática”, que busca o retroceso dos dereitos e  liberdades e mesmo se atreveu a defender “a ilegalización da Xunta de Galiza, do Parlamento de Galiza e do BNG”. Que máis ten que pasar, preguntou a líder nacionalista, para que Núñez Feixóo se “desmarque dos pactos do Partido popular coa extrema dereita?. Se non o fai  é cómplice do seu branqueamento”.

Pontón manifestou que en Galiza, xunto a Euskadi e Navarra, a extrema dereita non obtivo ningunha representación e concretamente en Galiza “foi o escano do BNG o que lle parou os pes”.

A portavoz do BNG tamén se referiu aos resultados acadados polas forzas nacionalistas do Estado que achacou ao  discurso recentralizador e unha deriva que pretende “negar as nacións que conforman o Estado español”.

O BNG VAI A ALZA E SUMA

A líder nacionalista reiterou que o BNG é unha forza política que “vai a alza e suma”, coa man tendida a todos os galegos e galegas que cren que Galiza precisa dunha alternativa como a que representa o BNG. Fixemolo nesta campaña e seguiremos nesa senda porque temos un grande reto no ano 2020, “un cambio” para alonxar da Xunta de Galiza ao Partido popular e para iso é necesario que o BNG obteña o mellor resultado posible, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG