Ana Pontón: “O PP di agora que non hai cartos para subir as pensións, mais para rescatar a banca si había”

Encontro con pensionistas do Morrazo
Encontro con pensionistas do Morrazo

Insta a Feixóo a explicar a negativa a investir 40M€ para mellorar as pensións mínimas cando a Xunta ten 9.000M€ de orzamento, proposta que o BNG levará ao próximo pleno

A portavoz nacional, Ana Pontón, que hoxe mantivo un encontro en Cangas con pensionistas da comarca do Morrazo, considera politicamente “indecente” que o mesmo goberno central que rescatou a banca con 60.000 millóns de euros ou que acaba de dispoñer 4.000 millóns de euros para rescatar as radiais madrileñas diga que non hai recursos para subir as pensións cando menos o equivalente ao IPC.

Unha situación que en Galiza, coas segundas pensións máis baixas do Estado, aínda é máis grave e que, no caso das mulleres perciben unha prestación un 37% inferior a dos homes.

“O que fai o goberno do PP é ir contra un dereito dos e das traballadoras despois de toda unha vida de esforzo e non é de recibo que se negue a unha subida do IPC que é o mínimo”, salientou Pontón, quen tamén instou ao presidente da Xunta a explicar no Parlamento por que considera imposible subir as pensións mínimas en Galiza cunha media de 347 euros mes para 44.000 persoas, cantidade que as  sitúa no umbral da pobreza.

“O BNG vai defender no vindeiro pleno que se destine unha partida de 40 millóns de euros para subir en cen euros ao mes esta exigua pensión para darlle un respiro as persoas pensionistas con menos ingresos. Vai explicar Feixóo que de 9.000 millóns de euros de orzamento da Xunta para 2018 non ten capacidade para investir 40 millóns de euros para subir as pensións mínimas?”, interpelou Pontón.

Para a portavoz do Bloque é unha cuestión que só require “vontade política” e confía en poder lograr un acordo no vindeiro pleno do Parlamento a favor do sistema público de pensións e das medidas concretas que vai defender a formación nacionalista.

 

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG