Ana Pontón pon Alemaña como exemplo de axudas á hostalería para garantir un mínimo do 70% dos ingresos ao sector

Ana Pontón
Ana Pontón
Advirte de que hai traballadores e traballadoras que poden quedar en risco de exclusión social se perden o seu emprego pola dificultade de reciclarse laboralmente

A portavoz nacional, Ana Pontón, insiste en que os datos da pandemia esixen medidas contundentes que teñen demostrado a súa eficacia para frear a expansión do virus, ao tempo que salienta a falsa dicotomía entre salvar a saúde e salvar a economía, pois preservar a saúde da cidadanía é a mellor maneira de preservar os empregos e facilitar a reactivación.

Na súa intervención na Comisión de reactivación económica e social, Pontón colocou o foco no confinamento da hostalería sen que haxa axudas directas a un sector que está ao límite e do que dependen miles de postos de traballo. Neste sentido, a líder nacionalista puxo como modelo o que ten feito o Goberno alemán garantindo a cobertura do 70% das perdas dos establecementos polos peches derivados da COVID19, unha medida que debería servir de exemplo para o Executivo de Feixóo.

“Preocúpanos o peche da hostalería, -indicou- e Alemaña marca unha liña compensando o 70% das perdas que deberíamos seguir, pois estamos falando dunha actividade con peso e que xera milleiros de postos de traballo”, salientou a líder nacionalista. “Hai moitas persoas que poden quedar ao borde da exclusión social no caso de traballadores  e traballadoras que levan unha vida enteira no sector, que están na recta final do seu período laboral e que se perden agora o emprego teñen moi difícil a súa reincorporación ao mercado de traballo”, alegou.

Pontón, que agradeceu a comparecencia do ex presidente da Xunta Fernando González Laxe na comisión de reactivación, destacou que non existe o dilema salvar a saúde ou salvar a economía, “é unha dicotomía falsa porque só salvando a saúde poderemos salvar á economía e os postos de traballo”. E, ante as cifras de contaxio que non deixan de medrar, a líder do Bloque pediu “valentía” para tomar medidas drásticas e contundentes para frear a pandemia.

“Estamos nun momento moi delicado e difícil, pero quen ten a responsabilidade de gobernar ten que adoptar as medidas necesarias”, alegou, sobre todo porque “descoñecemos cal vai ser a evolución, porque non temos certezas de canto vai durar a pandemia, non sabemos cando haberá dispoñible unha vacina”.

Pontón avogou por potenciar o sector industrial, fixando como obxectivo que represente o 25% do PIB en 2020, e para iso hai que empezar por evitar o peche de empresas estratéxicas como ALCOA. Igualmente,  facer unha aposta clara pola I+D+i até acadar investimentos equiparables aos da media da UE e aproveitar os fondos europeos previstos a través do mecanismo Next Generation, “é unha oportunidade de obter recursos adicionais nun momento no que cada euro é importante pero debemos fixar unha posición de país para conseguir que Galiza reciba o que lle corresponde e non sexa discriminada no reparto”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG