Ana Pontón pide unha mobilización masiva na marcha contra ALTRI, "a presión social é clave para frear esa bomba ambiental"

Visita Pazo Vilane
Visita Pazo Vilane

Visita Pazo Vilane, granxa avícola sostible en plena comarca da Ulloa, integrada no territorio que xera alimentos de calidade e 90 empregos

“Son este tipo de proxectos innovadores que revitalizan o rural ós que ameaza a macrocelulosa, un atentado ecolóxico contra Galiza”, alega

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, visitou a granxa avícola Pazo Vilane, no concello de Antas de Ulla, que definiu como un exemplo perfecto de emprendemento demostrando que desde o rural se poden poñer en marcha proxectos que crean riqueza e postos de traballo desde o respecto ao medio ambiente e ao territorio.

Especialista na produción de ovos camperos de calidade, esta granxa xera 90 postos de traballo, conta con dezaseis núcleos de produción que se traducen en cinco millóns de ducias de ovos ao ano; un proxecto innovador que revitaliza e asenta poboación no rural, con epicentro en Antas de Ulla, concello da comarca da Ulloa na que o goberno de Rueda quere impoñer a macrocelulosa ALTRI.

“Inexplicablemente esta riqueza, este emprego, este rural vivo e activo está ameazado polo empeño do PP de impoñer ALTRI, unha auténtica bomba ambiental no corazón do rural, que o goberno do señor Rueda quere colocar no corazón de Galiza, pese a que supón poñer en risco miles de postos de traballo e o medio de vida de miles de familias”, explicou, un risco que hai que frear.

Visita Pazo Vilane
Visita Pazo Vilane

Con ese obxectivo, a líder do BNG considera clave seguir coa mobilización social e por iso apela a unha mobilización masiva na marcha contra as macrocelulosas convocada para este domingo, que partirá de Pontevedra e de Marín para xuntarse simbolicamente ante a sede de ENCE.

“Galiza quere industria, pero industria do século XXI, innovadora e de vangarda, respectuosa co medio ambiente, industria de futuro, subliña, pero o goberno do PP só ofrece pasado, volver ó pasado do franquismo industrial das macrocelulosas contaminantes. En 1963 foi ENCE, en 2025 ALTRI, sesenta anos despois o único que ofrece o Partido Popular é o mesmo franquismo industrial das macrocelulosas”, denunciou a líder do Bloque.

“Aniquilaron a riqueza da Ría de Pontevedra pero non lle imos permitir que fagan o mesmo coa Ría de Arousa, nin coa comarca da Arzúa-Ulloa, nin co Río Ulla. Non lle imos permitir que poñan os intereses de ALTRI por riba da vida das persoas”, recalcou, ao tempo que lle pedía a Rueda que rectifique porque aínda está a tempo de deixar de exercer de comercial de ALTRI para poñerse do lado de Galiza.

“Desde Antas de Ulla, visitando un proxecto innovador e de referencia como é Pazo Vilane, pídolle a Rueda que rectifique, que defenda os intereses de Galiza, da xente do rural e da xente do mar. ALTRI é un atentado ecolóxico contra Galiza, e desde o BNG imos facer todo o posible para que ese atentando non se leve a cabo, man a man coa cidadanía que quere un futuro para este País, que non pasa nin por envelenar os nosos montes, nin os nosos ríos e rías, nin o noso medio rural”, explicou.

ALTRI supón quitarlle á xente do rural o seu medio de vida, converter o monte nun polvorín avanzando na eucaliptización, ignorando o cambio climático e o drama dos incendios. “Non queremos para Galiza unha macrocelulosa dunha multinacional portuguesa que quere vir aquí en UTE con empresas amigas do PP a facer o que non lle deixan facer en Portugal, queremos industria do século XXI e non proxectos contaminantes que ninguén máis quere pero que aquí atopan no PP un aliado”, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG