Ana Pontón pide a Goberno central e Xunta que manteñan o ritmo de vacinación no verán “porque o virus non colle vacacións”

Ana Pontón
Ana Pontón
Considera que hai que acelerar o ritmo para que chegue cantos antes á mocidade, que é precisamente o colectivo social que máis se relaciona

A portavoz nacional, Ana Pontón, pide prudencia e non baixar a garda porque o virus segue a ser unha ameaza e insta a esa prudencia especialmente á xente moza, á que agradece o seu esforzo sabendo que é un momento vital que precisa relación social, “poder saír, estar coa xente da súa xeración, divertirse”, -subliñou-, “pero pedímoslle que sigan coa responsabilidade e coa prudencia e a madurez que nos demostraron ao longo dos meses de pandemia”.

E isto é especialmente importante tendo en conta que se trata dun colectivo que non está vacinado e carecen do mellor antídoto contra a pandemia. Por iso, a líder nacionalista considera incomprensible que se anuncie unha baixada no ritmo de vacinación precisamente no verán, nun momento onde medran os desprazamentos e a relación social.

“A clave é a vacinación que aínda non chegou á xente moza, por iso nos parece un contrasentido que se anuncie que se vai baixar o ritmo e pedimos ao Goberno central e ao Goberno da Xunta que fagan todo o posible para que non se reduza o ritmo e o antídoto chegue canto antes tamén a xente nova. Porque o que é evidente é que o virus non se vai de vacacións no verán e non se entende que xusto cando máis aumenta a socialización se poida atrasar a vacinación, tendo en conta ademais que o grupo social que máis se move e se relaciona é a mocidade”, argumentou.

A líder do BNG demandou que se traballe para que canto antes a vacina chegue á xente nova, colectivo que, despois das persoas maiores, “sufriu especialmente a pandemia nas súas vidas, tanto no ámbito social como no económico, polas dificultades tanto para socializar nun etapa en que a relación é importante, como para ter acceso ao mercado laboral”, concluíu.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG