Ana Pontón pide a Feixóo “que traballe” para que Lugo teña un xulgado contra a violencia machista

Campaña recollida sinaturas
Campaña recollida sinaturas

Son situacións de crueldade para as mulleres ás que hai que responder con eficacia e rapidez, salienta a líder nacionalista

O BNG chama á veciñanza de Lugo a facer un envío masivo de postais a residencia oficial de Montepío reclamando esta infraestrutura

A portavoz nacional, Ana Pontón, sumouse á campaña que desenvolve o BNG de Lugo para reclamar un xulgado específico contra a violencia machista para esta cidade, neste caso repartindo postais entre a veciñanza para facer un envío masivo con esta reclamación con destino á residencia oficial do presidente da Xunta.

“O obxectivo é que tome nota de que hai que traballar para conseguir este xulgado porque unha muller cando denuncia violencia machista ten dereito a recibir a mellor atención posible, e iso require persoal cualificado e medios para que o proceso se faga de xeito adecuado e rápido”, salientou Pontón.

A dirixente do Bloque indicou que outras cidades xa dispoñen deste servizo, “e as mulleres de Lugo teñen dereito a ter a mesma atención que as de Compostela, Coruña ou Vigo onde dispoñen de xulgados específicos, é unha reclamación xusta”, recalcou.

O acto de reparto de postais reivindicativas na Praza Maior da cidade forma parte da campaña que o Bloque leva meses desenvolvendo en aras de acadar esta infraestrutura,  nesta ocasión coa presenza da portavoz nacional, a deputada por Lugo Olalla Rodil, o candidato a Alcaldía e portavoz municipal Rubén Arroxo, e a concelleira Maite Ferreiro, xunto con outros responsables locais e comarcais.

Trátase de conseguir os medios necesarios para abordar un dos problemas sociais de maior gravidade.

“Estamos falando da violencia machista, unha violencia que asasina mulleres, que condena a moitas a soportar na súa propia casa unha situación de crueldade, e temos a obriga de poñer máis medios e recursos para responder con eficacia e con contundencia”, argumentou a portavoz nacional.

Nunha situación persoal de extrema dificultade como a que provoca a violencia de xénero, un xulgado especifico con medios e persoal cualificado “sería garantía de mellor atención, redundaría nun funcionamento máis eficaz da Xustiza e as iso beneficiaría ás mulleres de Lugo”, indicou a dirixente do Bloque.

De aí esta demanda para que as lucenses teñan unha mellor atención “porque non pode haber mulleres de primeira e de segunda en canto a medios para plantar cara a unha situación de violencia machista”, concluíu.

Pola súa parte, a concelleira Maite Ferreiro salientou que o BNG seguirá adiante con esta reivindicación que empezou coa presentación de diferentes iniciativas nacionalistas, aprobadas en pleno municipal, “para conseguir un xulgado que acolla os casos de violencia machista mesmo de toda a provincia”.

Tras a recollida de sinaturas, a campaña aposta agora por este envío reivindicativo de postais, “para encher Montepío con esta demanda e conseguir que, dunha vez por todas, podamos contar con esta infraestrutura porque neste momento as mulleres que teñen que acudir ao xulgado a declarar non teñen ningún espazo axeitado nin para elas, nin para as súas crianzas”, alegou Ferreiro.

Ademais, permitiría axilizar a resolución dos casos “para que as afectadas puidesen pechar ese momento canto antes e iniciar unha vida con normalidade”, concluíu.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG