Ana Pontón pide a comparecencia urxente de Feixóo para explicar as medidas da Xunta ante a suba de prezos

Ana Pontón
Ana Pontón

Demanda do Goberno central e galego medidas inmediatas “de choque” porque a cidadanía e as empresas non pode esperar dúas semanas

Insiste en axudas extraordinarias para o sector primario, evitar a venda a perdas, fixar un prezo máximo da luz e carburantes e baixar as peaxes

Cualifica de menosprezo ós galegos e galegas que en plena crise, Feixóo siga de campaña electoral pensando que Galiza se goberna por teléfono

BNG solicita unha alteración da orde do día para pedir a comparecencia urxente do presidente da Xunta no pleno do Parlamento e explique as medidas do Goberno galego ante a crise de prezos que está poñendo contra as cordas ás familias, ás empresas e provocando a paralización de sectores claves, sen que o Executivo de Feixóo poña sobre a mesa nin unha solución.

A portavoz nacional, Ana Pontón, insistiu na necesidade de que tanto Goberno central como o galego, “até agora de perfil”, adopten medidas de inmediato para paliar os efectos da escalada inflacionista, porque non é posible esperar quince días.

“Os gobernos teñen que tomar decisións e que se publiquen no BOE e no DOG de inmediato, precísanse medidas e precísanse xa porque estamos nunha crise de prezos que se suma á crise derivada da pandemia. Os dous gobernos deben actuar xa utilizando os recursos que teñen para apoiar a quen máis o necesita, para evitar que pechen empresas, explotacións agrarias, que amarren máis barcos e que iso supoña a destrución de emprego”, recalcou.

A líder nacionalista insiste en que estamos ante unha situación que implica “medidas de choque, porque hai familias que non poden pagar o recibo da luz, nin os custes da gasolina”, o que require medidas urxentes e inmediatas por parte tanto do Goberno do Estado como do Goberno de Feixóo, “de perfil como sempre cando hai problemas pero que ten recursos que pode mobilizar con axudas extraordinarias para o sector gandeiro e pesqueiro nunha situación crítica. Pero moito me temo que como sempre veremos un Executivo do PP que busca escusas en vez de dar solucións”, alegou.

Entre as propostas que formula o BNG, avanzadas xa pola portavoz e que serán debatidas en pleno, que se cumpra a Lei da cadea alimentaria e se impida a venda a perdas no sector agrogandeiro, a compra pública de pensos para garantir un abastecemento a prezos razoables; fixar un prezo máximo para a electricidade no sector primario e axudas extraordinarias ao sector gandeiro e pesqueiro a través do que se coñece como axudas mínimis, ás que non superan os 200.000 €, en forma de subvencións, préstamos ou deducións.

Tamén no paquete de medidas destinadas ao sector primario, manter as bonificacións ao combustible da frota pesqueira. E, en relación ós carburantes, o Bloque demanda que o Estado garanta o prezo dos hidrocarburos no límite que existía antes da escalada de prezos; a rebaixa de xeito temporal dos impostos a gasolina e gasóleo, distinguindo entre consumo doméstico e profesional, e reducir as peaxes en todas as autoestradas tanto de competencia estatal como autonómica.

No que afecta á factura da luz, a formación nacionalista reclama unha actuación inmediata sobre o mercado enerxético, “poñendo fin ós beneficios caídos do ceo” que están derivando en plusvalías multimillonarias para o lobby eléctrico, e a posta en marcha da tarifa eléctrica galega.

Neste contexto de crise, Pontón recrimina que Feixóo veña a Galiza de paso dentro da súa campaña electoral do PP.

 

“En plena crise o que temos é un presidente que vén de visita a Galiza pero sigue coa súa xira electoral no que é unha falta de respecto á xente deste País, que siga de campaña cobrando un salario que lle pagan ós galegos e ás galegas e, por riba, teñamos que escoitar que está desexando irse vivir a Madrid porque é un símbolo de liberdade, a cidadanía non se merece este menosprezo, nin un presidente ausente, que pon ao PP por riba de Galiza”, lamentou a portavoz nacional.

 

Neste sentido, Pontón critica que Feixóo anuncie que vai deixar a presidencia do PP galego en dúas semanas, porque ve inviable poder estar en Santiago e en Génova, “pero considere que pode gobernar Galiza por teléfono”.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG