Ana Pontón pide en Allariz “rebelarse” contra a discriminación das forzas estatais

Acto Allariz
Acto Allariz

Infraestruturas ferroviarias, acabar co tarifazo do Avant, medidas de apoio ao rural e contra a sangría demográfica, entre as prioridades do Bloque no Congreso

Francisco García lembrou a revolta alaricana do 89 para animar a “converter o cabreo nun voto útil” para Ourense

A portavoz nacional, Ana Pontón, aproveitou o mitin en Allariz para presumir da “capacidade do BNG para transformar en positivo e mellorar a vida das persoas”, tras preceder no estrado ao cabeza de lista por Ourense e un dos principais artífices desa transformación, Francisco García.

“Como todos e todas sabedes, Paco García é un experto, en transformar en positivo, en mellorar a vida da veciñanza, fixoo aquí en Allariz e queremos que o faga para toda a provincia colocando Ourense no centro da axenda política do Estado, colocando as cuestión claves de futuro desta provincia no Congreso, dándolle unha voz forte que as faga valer ante o Goberno do Estado”, destacou Pontón.

Francisco GarcíaPorque ese é o obxectivo e o compromiso do Bloque: darlle voz propia a Ourense e a Galiza no Congreso “para facernos valer e defender o noso”, recalcou a líder nacionalista. “Hai outros que se conforman con "darlle acento gallego", ironizou, “os mesmos que pactaron con Sánchez e votaron a favor dos peores orzamentos do Estado para Galiza en vinte anos; son os mesmos que iban de nova política e faltoulles tempo para facer o que o vello bipartidismo de sempre, -PP-PSOE-, leva facendo toda a vida: discriminar e ningunear a este país”.

Pontón instou a aproveitar o 10N para “rebelarse” contra ese agravio e ese “pasotismo” das forzas estatais confiando na única forza política coas mans libres para dar a cara polos galegos e as galegas. “que nunca lle fallou a este país”. Un BNG que vai devolverlle a Galiza o peso político que non debiu perder no Estado, “cunha voz propia no Congreso forte, clara, contundente, rotunda, que poña Galiza no mapa político do Estado, que coloque unha axenda de pais no centro do debate para que se fale dos problemas do país e se busquen solucións. Ese é o compromiso do Bloque”, proclamou.

“Tendo por seguro que Paco García non vai ir a Madrid para estar calado, el non vai formar parte desa procesión dos caladiños de 23 deputados e deputadas electas pero que non abriron a boca, salvo para defender as discriminacións dos seus xefes de fila madrileños”, denunciou.

E no caso de Ourense, é “urxente” acabar coa discriminación a esta provincia, que precisa como auga de maio solucións os seus problemas: desde a crise demográfica, -marcada polo envellecemento e a despoboación-, ao déficit en infraestruturas.

“Non é de recibo que, a día de hoxe, Ourense teña que soportar a burla da intemodal dun PP e dun PSOE que din unha cousa e a súa contraria segundo quen se sente na Moncloa. Non é de recibo que o servizo de tren de cercanías deixe tiradas ás persoas usuarias un día sí e outro tamén; non é de recibo que a cidadanía que viaxa en tren desde Ourense ou cara Ourense soporten o tarifazo do avant, pagando até un 60% no billete que o mesmo traxecto no eixo atlántico que conforman A Coruña-Santiago-Vigo”, enumerou a líder nacionalista.

Pontón tamén fixo referencia ao feito de que a comunicación por tren entre Ourense e Lugo, as dúas capitais da Galiza interior, “sexa un traxecto case imposible por tempos e horarios” ou a que unha provincia que está “literalmente anegada” por encoros non teña o máis mínimo beneficio de ser exportadora neta de electricidade, nin para familias, nin para empresas.

Acto AllarizCondicionar a política do Estado

“Urxe darlle a Ourense solucións a todas estas cuestións claves para o seu futuro e ese é o compromiso do BNG: Imos colocar a nosa representación no Congreso ao servizo desta provincia para, nun escenario sen maiorías absolutas, condicionar a política do Estado a favor de Ourense”, recalcou, citando entre esas prioridades unha intermodal que solucione problemas, poñer fin á estafa do tarifazo, propostas a favor do rural, propostas que reactiven os sectores produtivos da provincia para xerar emprego, premisa fundamental para atraer xente moza.

Pola súa parte, o cabeza de lista ao Congreso Ourense, Francisco García, lembrou a revolta de Allariz de 1989 e chamou á cidadanía alaricana a "converter o cabreo nun voto construtivo" para rachar co "bipartidismo". O 10 de novembro cúmprense trinta anos de goberno nacionalista en Allariz, exemplo de que "o BNG é capaz de ofrecer as políticas alternativas que precisa esta provincia e o país".

Destacou que é un momento moi importante no que Galiza precisa voz propia en Madrid. "Ourense está a sufrir unha sangría demográfica que PP e PSOE provocaron coas súas políticas" que relegaron esta provincia hoxe desaparecida do debate do Estado: "hai que pasar a páxina do agravio e da discriminación do bipartidismo PP-PSOE, ao que se sumou a chamada nova política co seu baile de siglas”, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG