A portavoz nacional, Ana Pontón, advertiu que os Orzamentos para 2026 presentados pola Xunta non soluciona os problemas reais dos galegos e das galegas, senón que constitúen o “retrato perfecto” dun Goberno de Rueda “estancando, sen ideas e conformista” que “mantén Galiza en punto morto”.
“Hai máis ambición nos orzamentos de calquera comunidade de veciños que nestas contas rutineiras do Goberno do Partido Popular, que son pura burocracia contable e que nos repite ano tras ano como se estivéramos no día da mamorta”, denunciou.
Pontón preguntoulle a Rueda onde están os grandes proxectos de futuro nos orzamentos que vén de presentar, logo de ocultarllos até esta mesma mañá aos grupos da oposición para poder seguir cos seus anuncios propagandísticos, incidiu.
“Van mellorar estes orzamentos a vida dos galegos e das galegas? Van mellorar a sanidade, a dependencia, a educación ou o acceso á vivenda? Van servir para loitar contra o cambio climático, xerar emprego de calidade ou para dinamizar o noso medio rural?”, cuestionou, para concluír a continuación que “a resposta é un rotundo e sonoro non”.
A líder nacionalista criticou que o Goberno do PP repita ano tras ano os mesmos cualificativos falando duns orzamentos “históricos” e “os máis sociais”, cando na realidade é que, no seu “delirio propagandístico”, presenta unhas contas que baixan os recursos destinados, por exemplo, ao SAF, anunciando para esta partida oito millóns de euros máis.
Neste sentido, recordou que o Executivo anunciou en 2024 129 millóns de euros para o SAF, pero logo recortou nesta a partida en 18,5 millóns; o mesmo, que en 2025, onde anunciou 140 millóns para o servizo de axuda no fogar, ao que recordou ese mesmo ano 17 millóns.
É dicir, entre 2024 e 2025, Rueda recortou ao SAF 35,5 millóns, pese a estar colapsado e pese a ser un servizo básico para o coidado das persoas maiores. “O que nos preguntamos é en canto vai recortar esta partida unha vez que consiga o seu titular propagandístico”, cuestionou.
A portavoz do BNG subliñou que a propaganda do titular da Xunta tamén choca coa realidade cando “mantén agasallos fiscais ás persoas máis ricas” e reprobou que, mentres en Galiza hai miles de persoas que non poden pagar un alugueiro, o Goberno do PP manteña a baixada de impostos para os que teñen grandes patrimonios, incluídos aqueles aos que, por exemplo, lles sobran casas nas que vivir.
“Unha tomadura de pelo”, remarcou, para os miles de galegos e galegas que non só non poden mercar unha vivenda, senón que “nin tan sequera se poden permitir o luxo de pagar un aluguer”.
Nesta liña, recordou que este Executivo leva anos baixando impostos aos que máis teñen, pero mantivo conxelado o complemento autonómico das pensións non contributivas, as máis baixas, unha conxelación que se manterá tamén o ano que vén porque o incremento previsto na parte que lle toca á Xunta vai ser “exactamente cero”.
“Esta política do Partido Popular de baixar os impostos a quen máis ten fai que perdamos 793 millóns de euros que poderiamos destinar a sanidade, a educación, a dependencia ou a políticas de vivenda”, alegou, logo de recordar que os impostos serven “para manter servizos públicos de calidade e para poder mellorar a vida da xente”.
Por iso, reprochou ao PP que o seu obxectivo sexa recortar e deteriorar os servizos públicos para poder dicir que non funcionan e logo “xustificar as privatizacións que se producen en moitos deles” única e exclusivamente para beneficiar “aos que quen facer negocio coa vellez, coa saúde ou coa educación”.
“O PP fala de que prefire que os cartos estean nos petos das familias, pero esconde que os que cobran máis de 60.000 euros van a aforrar en torno a 500 euros nas súas declaracións, pero os que cobran 20.000, aforrarán 20 euros”, advertiu, para cuestionar a continuación que é o que se pode facer exactamente con só 20 euros cando se necesita un servizo tan básico como, por exemplo, a sanidade. “Pode unha nai ou un pai cuxo fillo ou filla non ten pediatra pagar un pediatra con eses 20 euros? Serven para facer unha radiografía?”, reflexionou.
Pontón tamén apuntou a outras partidas orzamentarias que reflicten cales son as verdadeiras prioridades do Goberno de Rueda, e entre as que sinalou a débeda pública, que o PP triplicou para logo recortar en servizos públicos, e que xa é a terceira partida de gasto máis importante, con 1.859 millóns de euros, 685 euros por cada galego ou galega.
“Rueda destina a pagar a débeda pública 3,4 veces máis que a vivenda, oito veces máis do que se destina á Consellería do Mar, máis do dobre do destinado a Medio Rural e 11 veces máis do que destinado a loitar contra o cambio climático”, criticou, logo de denunciar que, despois da maior vaga de lumes sufrida en Galiza, a Consellería de Medio Ambiente reduce 19 millóns de euros.
E con estas cifras, afondou, o presidente do Executivo “permítese o luxo de rexeitar unha quita de 4.000 millóns de euros que negociou o BNG no acordo de investidura co Partido Socialista, como se nos sobrasen os cartos”. “Todo isto porque o Partido Popular de Madrid manda, Rueda obedece e Galiza perde, esta é a triste realidade”, sintetizou.
Por último, a portavoz nacional denunciou como os orzamentos “se están convertendo nunha auténtica coadeira” para modificar leis pola porta de atrás sen o debate parlamentario que ten calquera proxecto de lei. En concreto, recalcou, serán 69 leis e 16 regulamentos os modificados por esa porta de atrás que o PP utiliza ano tras ano.
A maior parte destas modificacións oscurantistas, advertiu, van destinadas a favorecer o espolio dos recursos naturais galegos e favorecen ás eléctricas, á megaminería contaminante e ás macrocelulosas como Altri.
“Repiten o de sempre, man dura para reducir a capacidade da cidadanía, por exemplo á hora de poder alegar en contra destes proxectos”, engadiu, logo de intuír que que o que pretende o PP é limitar esa capacidade da cidadanía logo da enorme cantidade de alegacións presentadas contra Altri ou contra o espolio eólico.
Por iso, considerou que o que está a facer o Goberno de Rueda é “poñerlle un escudo protector” ás eléctricas, para que enchan Galiza de muíños, “gañando millonadas a costa do patrimonio natural de todos os galegos e galegas”.
En definitiva, uns orzamentos “rutineiros e sen ambición”, recapitulou Pontón, quen reafirmou que estas son as contas públicas dun “goberno estancado” que “non ten un proxecto de país de futuro” e que usa os orzamentos non para servizo a Galiza, senón para “servir intereses particulares”, os “das eléctricas e das empresas amigas dun Partido Popular que usa os orzamentos para ir en contra da maioría social”, concluíu.