Municipais 2023

Ana Pontón: “O modelo BNG é capaz de crear dinamismo económico, social e cultural nas pequenas vilas do rural”

Feira do viño de Vilachá
Feira do viño de Vilachá

Visitou a Feira do Viño de Vilachá para resaltar o potencial dos municipios rurais, o 90% do total do territorio galego e claves para o futuro do País

Amósase convencida de que o modelo municipal de éxito do BNG se estenderá por toda Galiza a partir do próximo 28M

A portavoz nacional, Ana Pontón, visitou a Feira do Viño de Vilachá, na Pobra do Brollón, que chega este ano o seu 30ª aniversario. Trátase dunha celebración que se distingue especialmente por levarse a cabo nun entorno de gran valor histórico e etnográfico: un conxunto de adegas centenarias.

“A denominación de orixe Ribeira Sacra ten uns caldos de excelente calidade pero ademais, esta feira ten a particularidade de celebrarse nun entorno privilexiado, de gran valor etnográfico, histórico e paisaxístico”, indicou Pontón.

O sector vitivinícola é clave no medio rural, pola súa capacidade para xerar riqueza e emprego, pero tamén pola súa capacidade para preservar o territorio, fixar poboación e dinamizar outros sectores económicos como o turismo de calidade. Con respecto disto, a portavoz nacional lembrou que “estamos a falar dun sector que contribúe decididamente a manter vivo e activo o rural”.

“Nunha Galiza no que o 90% do territorio é rural non se entende o futuro se deixamos atrás a maior parte do noso territorio”, indicou. Neste sentido, o BNG aposta por unha discriminación positiva co medio rural, en particular en materia de servizos públicos, por un rural ben conectado en mobilidade e tamén en novas tecnoloxías, que fixe poboación e que sexa atractivo para á mocidade.

“No Bloque somos capaces de darlles calidade de vida aos concellos, de transformalos en positivo, con servizos, con actividades de ocio e lecer para a veciñanza e con dinamismo económico, social e cultural tamén nos pequenos municipios”, declarou a líder nacionalista.

Poñendo como modelo Allariz, pero tamén San Sadurniño, Moeche, Barro, Mazaricos ou A Pobra do Brollón, indicou que “ese modelo municipal de éxito é o que queremos estender por todo o rural e por toda Galiza a partir do 28M”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG