Ana Pontón: “Os medios públicos teñen que ser dos galegos e das galegas e non o gabinete de propaganda do Partido Popular”

Manifestación CRTVG
Manifestación CRTVG

A líder do BNG reclamou o dereito da cidadanía galega a ter información veraz e plural, tal e como establece a lei que creou os medios públicos

A poucas horas da XVIII Asemblea Nacional, amosa a súa ilusión pola gran cita da militancia dun BNG que é “sinónimo de esperanza e de cambio”

A portavoz nacional, Ana Pontón, asistiu esta mañá á mobilización convocada por traballadores e traballadoras da CRTVG, que reclaman uns medios públicos “de calidade e sen manipulación”. A líder do Bloque lembrou que “os medios públicos é algo que pagamos todos os galegos e galegas cos nosos impostos, así que deberan de estar ao servizo da sociedade e non ser o gabinete de propaganda do Partido Popular”.

Pontón cualificou esta situación de “revés democrático” e quixo destacar a problemática do novo proxecto de “Lei de servizos dos medios públicos de comunicación audiovisual de Galiza para a sociedade dixital”. “Se vai adiante, esta lei vai permitir que a dirección da CRTVG se escolla unilateralmente e isto é sinónimo de continuar profundando nunha liña antidemocrática”, engadiu.

Manifestación CRTVG
Manifestación CRTVG

A portavoz do BNG quixo tamén amosar a súa solidariedade cos traballadores e traballadoras da CRTVG que levan durante cinco anos denunciando a manipulación e a persecución da liberdade de expresión no ente público. “O que sucede na CRTVG non ten precedentes no Estado español e o que está facendo o Partido Popular cos nosos medios públicos é cruzar as liñas vermellas da democracia”, indicou. O BNG seguirá denunciando unha situación que fai que a cidadanía galega estea privada de información veraz, independente e plural, tal e como establece a Lei que creou os medios públicos galegos.

O BNG, sinónimo de esperanza e de cambio en Galiza

A poucas horas da XVIII Asemblea Nacional, Pontón amosou a súa ilusión de cara a gran cita da militancia do BNG. “Somos unha organización democrática onde quen máis ordena é a militancia, e unha das nosas grandes fortalezas e algo que nos diferencia doutras organizacións é que non escollemos aos nosos candidatos e candidatas ‘a dedo’”.

“Eu son unha militante máis”, indicou a portavoz nacional, “e durante estes últimos oito anos traballei coa man tendida. Esa é a liña na que estou e na que vou seguir”. Nun contexto no que nas pasadas eleccións galegas, unha de cada tres persoas apoiou a candidatura do Bloque, Pontón declarou que “neste País o BNG é sinónimo de esperanza e de cambio” e comprometeuse a “traballar para sempre, desde a humildade, nun BNG de portas abertas á sociedade para construír un País mellor”.

“Todos e todas sumaremos as nosa forzas coa ollada no 2028 para conseguir un gran cambio político en Galiza”, concluíu.

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG