Ana Pontón mantén un encontro co presidente do Senado e coa futura ministra de Igualdade de México

Ana Pontón e Ana Miranda co presidente do Senado mexicano, Fernández Noroña
Ana Pontón e Ana Miranda co presidente do Senado mexicano, Fernández Noroña
Xunto á eurodeputada Ana Miranda reúnese con galegas e galegos vinculados ao sector hostaleiro, no que a comunidade galega ten un importante peso  

A portavoz nacional, Ana Pontón, e a eurodeputada, Ana Miranda, continuaron na segunda xornada da súa viaxe a México coa axenda de contactos políticos, sociais e empresariais no país azteca, unha rolda de contactos que se enmarca dentro dunha axenda máis ampla que o BNG mantén con América Latina e que xa desenvolveu previamente en países como Chile ou Colombia.

Nesta segunda xornada en México, Pontón e Miranda mantiveron un encontro co presidente do Senado, Fernández Noroña, con quen abordaron os retos e cambios máis importantes que está levando adiante o Goberno mexicano e ao que trasladaron a importancia das relacións internacionais entre México e Galiza, así como a situación do País e as principais liñas de traballo que está desenvolvendo o BNG.

A líder nacionalista tamén se reuniu coa secretaria xeral da formación política Morena e senadora do Congreso da Nación de Estados Mexicanos, Citlalli Hernández, que será a próxima ministra de Igualdade do novo goberno mexicano e coa que compartiron o convencemento de que este é “un tempo de mulleres, onde as políticas feministas teñen que dar pasos cara adiante, sobre todo nun país como México, onde seguen existindo tantas desigualdades de xénero”, sinala Pontón.

Neste sentido, tamén puxeron en común experiencias tanto na loita contra os feminicidios como na posta en valor dos coidados. “Este é un momento emocionante non só porque vai haber por primeira vez unha muller presidenta en México, senón porque se está marcando o seu compromiso coa igualdade cun ministerio que vai ser un fito importante tamén para as mulleres e para a política feminista no ámbito mexicano”, afonda a portavoz nacional.

Nesta segunda xornada no país azteca, Pontón e Miranda tamén mantiveron un encontro con persoas da comunidade galega vinculadas ao sector da hostalería, o que lles permitiu ter contacto cun sector económico no que ten moito peso a emigración galega.

Hoxe (cómpre lembrar as oito horas de diferencia horaria con Galiza), a portavoz nacional e a eurodeputada do BNG asistirán ao acto de investidura da nova presidenta, Claudia Sheinbaum, en resposta ao convite da formación política Morena, un acto no que participarán Pontón e Miranda, como antes asistiron en representación do Bloque ás tomas de posesión dos actuais presidentes de Chile e Colombia.

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG