A portavoz nacional, Ana Pontón, participou no acto de presentación da candidata do BNG en Viveiro, Iria Cotelo, da que dixo é “a mellor alcaldesa que pode ter este concello”, e no que lanzou unha mensaxe moi clara: “Imos ir a por todas nas próximas eleccións municipais para abrir un tempo novo en Viveiro”.
Pontón alegou que o concello precisa “un cambio profundo e real” para enderezar o rumbo e alegou que ese cambio só pode vir da man dun BNG que ten un proxecto ambicioso e transformador para que Viveiro avance e gane en dinamismo social, económico e cultural.
“Imos a por todas coa mellor candidata”, recalcou, para incidir a continuación na capacidade e traxectoria de Cotelo, da que destacou a súa visión estratéxica, capacidade de diálogo e o seu contacto directo coa cidadanía dun municipio que “coñece como a palma da súa man”.
Neste sentido, subliñou que a candidata nacionalista representa unha maneira diferente de entender a política e encarna o modelo municipal de éxito dun Bloque que, cando goberna, demostra a súa capacidade de transformación, poñendo as persoas no centro, dinamizando a economía e devolvéndolle o espazo público aos veciños e veciñas.
A portavoz nacional mostrou o se convencemento de que no concello “hai ganas de cambio” porque “non se conforma cun goberno que o está deixando atrás”, cun PP que ten demostrado “que nin lle preocupa a xente, nin lle preocupa Viveiro”.
Un PP, afondou, que está incumprindo durante moito tempo os seus propios compromisos e que o único que ofrece é “propaganda e de novo promesas”. “Pregúntome onde está a variante de alta capacidade da Costa Norte que o Partido Popular anunciou hai máis de 35 anos”, exemplificou, para cuestionar a continuación que o único que fixo despois de tres décadas de incumprimento é presentar unha “versión cutre, descafeinada e recortada, totalmente insuficiente para as necesidades do concello e do conxunto da Mariña”.
Un exemplo que utilizou para evidenciar que os populares “nin teñen proxecto, nin teñen o compromiso que necesita este concello e esta comarca”. Por iso, afondou, “Viveiro necesita un cambio real para deixar atrás o pasado, para dar paso a un proxecto ilusionante e de futuro, que é o que representa Iria Cotelo da man do BNG”.
Nesta liña, tendeu a man do Bloque as persoas que desexan un Viveiro mellor e que están cansas do que leva pasado nestes últimos anos no concello e queren abrir un tempo novo, mais tamén á xente que, nun momento no que a corrupción de PP e PSOE salpica a vida pública, poida entende que esta non merece a pena.
“Desde o BNG tendémoslle a man a toda esa xente para dicirlle que a política é a solución, que hai unha forza política como o Bloque Nacionalista Galego que en 40 anos non tivo nin un só caso de corrupción e que representa unha alternativa”, defendeu.
Co obxectivo de darlle a Viveiro ese cambio imprescindible, Pontón avanzou que tanto Cotelo como o resto de compañeiros e compañeiras van traballar con intensidade ao logo do ano que queda até as municipais para seguir presentando o proxecto e a alternativa do Bloque.
“Imos explicarlle a todo o mundo as nosas propostas porque é o debate que importa nestas eleccións, cales son os proxectos, cales son as ideas e cales son tamén as persoas que os encarnan, e o que temos en Viveiro é unha excelente candidata e un gran proxecto para transformar este concello”, sintetizou.
Por iso, incidiu en que a organización nacionalista vai concorrer ás próximas municipais “con ideas claras, con persoas comprometidas” e, sobre todo, coa vontade de tenderlle a man a todos os veciños e veciñas que saben que “hai un Viveiro mellor por construír”. “Poñémonos ao seu servizo para traballar de aquí ao próximo 23 de maio, onde estamos convencidos e convencidas de que imos dar un gran salto adiante, imos a por todas para ter a Alcaldía”, concluíu.