Galegas 2020

Ana Pontón insta a “facer historia” o 12X e abrir un tempo novo cun Goberno de país liderado por primeira vez por unha muller nacionalista

Acto Oleiros
Acto Oleiros
Rivas pon o saneamento da ría do Burgo ou a mellora das conexións na área metropolitana da Coruña como exemplos de prioridades do BNG para a comarca

A portavoz nacional e candidata á Presidencia, Ana Pontón, aproveitou o acto coa militancia en Oleiros para pedir unha mobilización masiva nas urnas a todas as persoas que queren abrir un tempo novo da man do BNG o 12X, para deixar atrás a Galiza “minguante” de Feixóo e poñer o país en marcha. Un cambio galego que está ao “alcance da man”, proclamou, se hai esa mobilización masiva entorno á candidatura “que máis ilusión xera e que teño a honra de encabezar”.

Tras recalcar que a enquisa que conta é a das urna, Pontón manifestou o seu convencemento de que os datos indican que hai partido e o BNG sae a por todas para ganalo: “o 12 de xullo Galiza pode facer historia dando paso a un goberno de país que faga valer os intereses dos galegos e das galegas e que teña á fronte, por primeira vez a unha muller nacionalista”, proclamou.

“Fago un chamamento a todas as persoas que queren cambio real a sumarse a onda do cambio galego que cada día vai a máis e que o fagan da man do BNG, porque temos un proxecto solvente, de futuro, porque non imos fallar e porque somos a mellor alternativa para desaloxar ao PP e con el as súas políticas de recortes, privatizacións e destrución do tecido industrial e dar paso a un Goberno que cree neste país, no seu potencial e no seu futuro”, salientou.

Acto OleirosA candidata á Presidencia destacou que o BNG é unha forza política a alza: “cada vez máis xente percibe que Galiza ten futuro se cremos en nós, se nos facemos valer, máis xente cansa da Galiza submisa, estancada e irrelevante que nos deixa o candidato do PP e mira para o BNG para poñer en marcha un proxecto de modernización e avance económico e social”.

Pontón deixou claro que ante as urnas só hai dúas opcións: ou o inmobilismo do PP ou o cambio galego do BNG, para saír adiante dunha crise que deixa miles de persoas nun ERTE, ERE, no paro, que deixa a miles de autónomos pendentes dun fío e, neste escenario, o BNG “non vai permitir que a paguen @s de sempre”.

“O 12X temos a oportunidade de abrir portas e ventás e que entre aire fresco na Xunta, a oportunidade de abandonar o inmobilismo dun Feixóo que se esconda tras a pandemia para agochar once anos de fiasco que nos deixan unha Galiza en crise económica, social e política; unha Galiza con cero transferencias nunha década, cun avellentamento galopante e cunha crise demográfica reflexo da agónica situación socioeconómica e laboral que nos deixa o candidato do PP”, alegou.

Pero hai alternativa para lograr un cambio real, á que representa “o proxecto autocentrado, innovador e futurista” do BNG, -proclamou-, desde o convencemento de que “somos a única forza capaz de ofrecer unha solución de futuro con garantías, con seriedade e con solvencia contrastada, porque somos unha forza de fiar”, alegou.

Ana PontónCandidatura que suma ilusión e apoios

A líder nacionalista salientou que a candidatura que representa “xera cada día máis ilusión, simpatía e adhesións” de aí o seu convencemento de que Bloque vai “dar a badalada” o 12X e Galiza poderá escribir unha nova páxina na historia “un goberno liderado por unha presidenta nacionalista cun proxecto de futuro para a nosa nación”.

Pola súa parte, o candidato pola Coruña, Xosé Luís Rivas, afirmou que “un goberno liderado polo BNG vai deixar atrás a submisión a Madrid desta década de Feixóo e defenderá os intereses do país ante o Goberno do Estado, empezando por demandas longamente expresadas pola veciñanza da área metropolitana da Coruña como o saneamento da ría do Burgo. Imos reclamar o investimento de 46 millóns de euros por parte do Goberno central”, -avanzou-, “para recuperar a ría e con ela a actividade marisqueira e pasar de 100 postos de traballo, na actualidade, aos 1.500 empregos do pasado”. Este investimento, dixo incidiría moi positivamente no equilibrio medioambiental.

Igualmente, destacou como prioridades, acondicionar o lugar que utilizan 150 mariscadores e mariscadoras para cambiarse de roupa despois da súa actividade, asearse e contar con electricidade para o uso dun ordenador e a pesaxe das capturas xa que polo momento, explicou, o están a facer lun local prestado de ladrillo e sen fiestras. Rivas salientou que a mobilidade continua sendo un grave problema en Oleiros polo que asegurou que o BNG porá medidas en marcha para facer real a vía Ártabra e unha comunicación en rede e, subliñou, a formación nacionalista “non permitirá unha nova peaxe” no acceso á autoestrada.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG