A portavoz nacional, Ana Pontón, iniciará a próxima semana unha viaxe por Uruguai e Arxentina para reforzar lazos coa colectividade galega e coas forzas políticas e sociais de esquerda de ambos países americanos.
Xunto coa eurodeputada Ana Miranda, desenvolverá unha intensa axenda de contactos políticos, institucionais, sociais e coa diáspora galega desde a súa chegada a Montevideo o 12 de novembro até o seu regreso desde Bos Aires o día 16.
Os contactos políticos ao máximo nivel inclúen unha reunión co presidente de Uruguai, Yamandú Orsi, que accedeu á Presidencia hai un ano como candidato da formación de esquerda Frente Amplio. No encontro, Pontón e Orsi abordarán cuestións de interese para ámbolos dous países en distintos ámbitos de actuación.
A portavoz nacional e a eurodeputada reforzarán lazos co Frente Amplio nun encontro posterior con Fernando Pereira e Verónica Piñeiro, presidente e vicepresidenta desta forza política, no que tamén participará o presidente da súa comisión de Relacións Internacionais (Carifa), Fernando Gambera.
Pontón tamén ten prevista na súa axenda en Uruguai unha reunión co presidente do Parlamento Parlasur, Daniel Caggiani, e coa exvicepresidenta, Lucía Topolansky, viúva do expresidente Pepe Mujica. Xa en Arxentina, manterá, entre outros, respectivos encontros coa directora de Cooperación Internacional da Gobernación da provincia de Bos Aires, Mariana Vázquez, e coa expresidenta Cristina Kirchner.
Entre os contactos previstos coa colectividade galega, ademais dos que desenvolverá con militantes e simpatizantes do BNG en ámbolos dous países, inclúense encontros coa Federación de Asociacións Galegas de Uruguai e coa comunidade galega na Federación de Asociacións Galegas de Arxentina, este último, logo de asistir ao acto de inauguración do busto de homenaxe a Castelao no Museo da Emigración Galega en Arxentina.
Ademais dunha visita ao Padroado da Cultura Galega de Montevideo, a portavoz nacional tamén visitará xunto á eurodeputada o Colexio Santiago Apóstol en Bos Aires, onde se reunirán así mesmo coa directiva do Centro Galicia e con membros da Cátedra Libre de Estudos Galegos Alfonso Rodríguez Castelao da Universidade bonaerense.
Na capital arxentina, Pontón e Miranda tamén manterán unha reunión con Adolfo Pérez Esquivel, Premio Nobel da Paz, e desenvolverán unha serie de encontros con movementos sociais en favor das liberdades e da recuperación da memoria histórica, entre os que se atopan a Plataforma da Querela Arxentina contra os crimes do franquismo e a Asociación da Recuperación da Memoria Histórica deste país.