Ana Pontón: “Feixóo é o profeta da postverdade que ignora a Galiza real”

Define ao presidente da Xunta como “profeta da post-verdade” que pretende tapar con falsidades, promesas repetidas e propaganda a súa incapacidade política. “Representa o pasado”, salienta

A portavoz nacional, Ana Pontón,  utilizará o debate do estado da nación para facer o que non fixo o presidente da Xunta: Poñer o foco na Galiza real, ignorada polo xefe do Executivo nun discurso no que volveu recorrer á propaganda e ao autobombo para tapar a incapacidade política dun goberno esgotado e sen ideas  para resolver os problemas do país.

“Pídolle que se baixe por uns días do coche oficial e pise a rúa, que escoite e vexa como vive a xente deste país, que comprobe o difícil que é para moitos galegos e galegas pagar o recibo da luz ou comprar o material escolar, un país no que os maiores teñen as segundas pensións máis baixas, no que os país e as nais están preocupados porque os seus fillo e fillas  non encontran traballo ou están emigrados”, relatou Pontón.

Tras reprochar a falta de autocrítica, a dirixente do Bloque salientou que “hai unha Galiza real, de carne e oso, que non estivo presente no discurso de Feixóo, un discurso que recolle as mesmas promesas ano tras ano, que mostra un presidente esgotado, sen iniciativa e sen ideas, sen capacidade para enfrontar os problemas do país”.

Uns problemas que pretendeu tapar falsificando a realidade. “Revelouse como profeta da post verdade, presumindo da situación económica cando hai máis paro e máis  precariedade no emprego, presumindo de mellor sanidade cando medran as listas de espera e non hai pediatras, un presidente que pretende tapar con mentiras e propaganda o seu fracaso e a súa incapacidade”, denunciou.

Pontón tamén recriminou ao presidente da Xunta que, un ano máis, “pretenda esconderse” detrás de Catalunyua e, tras o cambio na Moncloa, na oposición a Pedro Sánchez, “pero non é Inés Arrimadas, nin Pablo Casado”, ironizou.  “Estamos aquí para falar de Galiza e ofrecer solucións, non falla a cidadanía, falla o Goberno de Feixóo”.

A dirixente do Bloque tamén expresou a súa “sorpresa” pola reivindicación que fixo o presidente do PPdeG do legado de Alianza Popular, herdeira do franquismo.

“O BNG reivindícase herdeiro da xeración de Castelao e de Bóveda e de todas as persoas que loitaron por unha Galiza con capacidade de decidir o seu futuro. Castelao e Bóveda son de todos os galegos e galegas menos daqueles que tenten manipulalos e agochar o seu legado político. É curioso ver a un Feixóo ariete do nacionalismo reivindicando a figura do nacionalista Castelao”, argumentou.

“Temos un presidente que viaxa demasiado en coche oficial e que pensa que a realidade é esa que lle constrúen nos medios públicos convertidos nunha terminal do seu gabinete de propaganda, que non é capaz de sentir os problemas dos galegos e das galegas e que ven ofrecer as mesmas promesas de sempre e as mesmas receitas fracasadas. Feixóo non representa o futuro, Feixóo representa o pasado”, concluíu.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG