Xerais 2023

Ana Pontón fai un chamamento a todos os galegos e galegas a expresar a súa opinión mañá nas urnas

Xornada reflexión
Xornada reflexión

Afirma que “o voto é o poder da xente para expresar que futuro quere construír”

Néstor Rego asegura que “está moito en xogo  neste proceso electoral” e chama á cidadanía a participar “con ilusión” para construír o futuro das galegas e galegos e o futuro do noso país

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón fai un chamamento a todos os galegos e galegas a “expresar a súa opinión maña nas urnas”. Para a líder do BNG, hoxe, día de reflexión e o día para que todas aquelas persoas que aínda non teñen decidido o seu voto “o mediten ben” porque  “un voto ben meditado e ben pensado, será un voto  que sempre vai a acertar”.

Pontón reiterou a importancia de que todos os galegos e galegas “deixen sentir a súa opinión nas urnas porque o voto é o poder da xente, da cidadanía” e resulta fundamental  unha grande participación para que mañá, 23 de xullo, os galegos e galegas expresen cal é o futuro que queren construír, e neste sentido, engadiu, “agardamos que o voto dos galegos e galegas sexa determinante”

No transcurso dun vermú no casco vello compostelán, acompañada do cabeza de lista pola provincia da Coruña, Néstor Rego, alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín e militantes do BNG, Pontón agradeceu o “inmenso traballo” da militancia nacionalista así como súa entrega e entusiasmo durante toda a  campaña electoral, “elas e eles son o mellor desta organización”, recalcou.

Néstor Rego incide na relevancia da participación  porque neste proceso electoral “hai moito en xogo”

Pola súa parte, o cabeza de lista pola provincia da Coruña, Néstor Rego cualificou a campaña electoral de moi intensa na que se produciu unha grande mobilización do conxunto da militancia do BNG e na que percibimos, afirmou,  “moita ilusión, expectativa e esperanza no resultado”. Dende o BNG chamamos ao pobo galego a participar activamente nas eleccións e que todo o mundo vote porque é “moito o que está en xogo neste proceso electoral”. O futuro, dixo, temos que construílo entre todas e todos e esa foi a nosa mensaxe e obxectivo ao longo da campaña. Hoxe, día de reflexión, remarcou o candidato, é necesario que todos e todas participemos desa ilusión porque destas eleccións dependerá  “o futuro de todos e todas as galegas e o futuro do noso país”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG