Municipais 2023

Ana Pontón fai un chamamento á participación masiva este 28M concentrando o voto inconformista e de cambio real no BNG

Acto O Rosal
Acto O Rosal

“Somos a alternativa capaz de construír unha nova Galiza, concello a concello, que transforma en positivo e mellora a vida da xente”, destaca

Pon O Rosal como exemplo do modelo municipal de éxito do BNG

A portavoz nacional, Ana Pontón, participou no mitin do Rosal coa alcaldesa e candidata á reelección, Ánxela Fernández, nun acto no que a líder do BNG fixo un chamamento á mobilización de cara a cita electoral.

“Quero facer un chamamento á mobilización e á participación masiva de cara ao próximo 28 de maio, a concentrar todo o voto rebelde, inconformista e de País no BNG; porque encher as urnas de papeletas BNG é garantía de gobernos municipais de calidade, que transforman e melloran a vida das persoas, encher as urnas de papeletas BNG é a mellor maneira de derrotar ao PP e empezar a construír unha nova Galiza, concello a concello”, proclamou.

No Rosal, indicou, “demostramos que temos un modelo municipal de éxito, sinónimo de calidade e de prestigio, que transforma en positivo, capaz de aportar as solucións máis vangardistas aos retos deste século XXI, como o da mobilidade, cambio climático, xestión de residuos ou a preservación do noso medio ambiente”, recalcou, un modelo que o Bloque quere estender por todo o País.

“Porque precisamos máis BNG e menos PP nos concellos para lograr que Galiza avance, porque o BNG representa o entusiasmo, a ilusión e o optimismo que os galegos e as galegas necesitan”, destacou, convencida de que a formación que lidera vai ter un gran resultado no conxunto de Galiza. “Imos ser a forza política que máis suba, con máis concelleiros e concelleiras, con máis alcaldes e alcaldesas”, subliñou.

Acto O Rosal
Acto O Rosal

Pontón destacou que a medida que avanza a campaña ve máis forte ao Bloque. “En cada acto, en cada mitin vexo más forza, vexo como medra a corrente de simpatía cara o BNG, como cada vez son máis as persoas que miran para nós para poñer en marcha esa Galiza en grande que aspiramos a liderar como alternativa real ao PP”, indicou.

Porque o BNG pensa os concellos en grande, sen poñerse límites porque confía no potencial do País. “O meu soño é facer realidade esa Galiza en grande como xa facemos nos concellos onde gobernamos, teño a esperanza e o convencemento de que está máis cerca que nunca facer ese soño realidade e abrir unha nova etapa de futuro e esperanza”, salientou.

No Rosal, onde o BNG goberna con maioría absoluta desde hai catro anos tras décadas de goberno do PP; Pontón destacou que xa é evidente o que supón aplicar o modelo municipal do BNG, un modelo que é sinónimo de prestixio e de calidade de vida.

“Aí está ese urbanismo que coloca ás persoas no centro, a aposta polo benestar da veciñanza cunha axenda estable de cultura, lecer e deporte que chega a todas as parroquias; con programas a favor da conciliación das familia, multiplicando o investimento en dependencia”, indicou a modo de exemplos.

“O modelo municipal do BNG no Rosal supón un concello máis inclusivo facendo accesibles os equipamentos públicos, máis participativo, permitindo a implicación directa da veciñanza; máis sustentable e máis orgulloso”, resaltou, concluíndo que para seguir nesa senda de avance, “Ánxela seguirá sendo a mellor alcaldesa tras o 28M porque así o vai decidir a veciñanza”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG