Parlamento Galego

Ana Pontón exixe a Feixóo que blinde as residencias cunha intervención de todos os centros mentres dure a pandemia

Pide anticipación, “porque non podemos asumir con normalidade o que pasa nas residencias”, máis persoal e PCRs a todas as persoas usuarias

A COVID volve entrar de cheo nas residencias tamén na segunda onda da pandemia con 364 persoas falecidas, de tal xeito que un colectivo de 20.000 persoas soporta o 44% das vítimas mortais. Unha situación que non pode ser aceptada como normal e ante á que a portavoz nacional, Ana Pontón, pediu ao presidente da Xunta anticipación propoñendo medidas aplicables de inmediato.

“Podemos entender que en marzo non houbese anticipación, pero sete meses despois non foron capaces de blindar as residencias e só actúan cando se producen contaxios masivos ou vítimas mortais”, recriminou Pontón a Feixóo na sesión de control ao presidente da Xunta, “e mentres, ten a desvergoña de dicirlle a xente moza que é irresponsable e que provoca contaxios, provoca ingresos na UCI e provoca falecementos, unha acusación deshonesta que negan os propios datos do seu Executivo”.

“Señor Feixóo, quen causa vítimas pola COVID19 non é a xuventude galega e en vez de culpabilizala pense na súa incapacidade para anticiparse, na súa incapacidade para aprender dos erros e actuar, e o seu modelo de residencias que fai negocio coa vellez. E, sobre todo, rectifique porque estamos falando da saúde das persoa maiores, que non deben sentirse nunca máis abandonadas polo seu goberno”, reclamou.

En aras a preservar a saúde das persoas maiores, a líder nacionalista demandou ao presidente da Xunta que no inmediato blinde as residencias cunha intervención de todos os centros privados, que incremente persoal e mellore as súas condicións de traballo, revisar os protocolos e garantir a realización de PCRs a todas as persoas usuarias de xeito periódico. E, no medio prazo, ir a un cambio de modelo no que os coidados na vellez non sexa obxecto de lucro senón un dereito protexido.

“Desde o BNG imos levar á Comisión de reactivación económica e social un novo modelo de atención aos nosos maiores baseado no servizo público, nas antípodas do actual sistema no que empresas como DOMUS VI, -maioritaria no sector das residencias e controlada por fondos voitre-, fan da vellez un negocio”, argumentou Pontón, nunha intervención na que aportou os datos dos centros máis afectados nunha enumeración de cifras “que encollen o corazón”.

A líder nacionalista reprochou a Feixóo que volva escudarse no argumento de que as residencias en Galiza están mellor que noutros territorios: “os maiores son persoas ás que temos que respectar e non merecen que se lles comparen con ningunha media e, en todo caso, empece dunha vez a mirar para os mellores e non para os peores, porque este país precisa un goberno que non se renda nin tire a toalla contra a COVID e porque non podemos asumir con normalidade o que está pasando nas residencias de maiores, non podemos asumilo e a súa responsabilidade é blindalas”, concluíu.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG