Municipais 2023

Ana Pontón: “Evencio é o mellor alcalde da historia de Carballo e seguirá sendo o mellor para este concello tras o 28 de maio”

Acto Carballo
Acto Carballo

Carballo é un exemplo “excelente” do modelo municipal de éxito do BNG capaz de transformar en positivo e de mellorar a vida da xente, destacou

Avanzou toda a colaboración dun Goberno da Xunta liderado polo BNG: “Teredes unha aliada para que Carballo reciba todo o apoio que merece”

A portavoz nacional, Ana Pontón, declarouse “emocionada e orgullosa” na presentación do candidato á Alcaldía de Carballo, de pode dicir que o actual rexedor, Evencio Ferrero, é o mellor alcalde que nunca tivo o concello e que por iso seguirá contando co apoio da inmensa maioría da veciñanza tras o 28M.

“Teño que confesarvos que estou emocionada e moi orgullosa de poder dicir ben alto e ben claro que Evencio é o mellor alcalde da historia de Carballo e por iso vai seguir sendo o mellor para Carballo  tras o próximo 28 de maio, porque seguirá contando co apoio, co respecto e co inmenso cariño que lle teñen os veciños e as veciñas dese concello”, proclamou a líder nacionalista.

Na súa intervención, Pontón explicou todos os factores que fan do actual rexedor o mellor alcalde da historia do municipio bergantiñán, empezando pola súa capacidade política pilotando un goberno que é un exemplo do modelo municipal de éxito do BNG.

“Digo con humildade pero tamén co máximo orgullo: Os gobernos municipais do BNG son gobernos de calidade, solventes, que saben xestionar con eficacia cada euro,  son gobernos con capacidade de transformar en positivo e de mellorar a vida das persoas, gobernos que dan aos concellos puxanza e dinamismo económico, social e cultural. E aquí está Evencio e todo o seu equipo para demostralo con feitos”, argumentou.

Pero Pontón enumerou tamén outros tres factores que, ao seu xuízo, converteron ao actual rexedor no mellor alcalde de Carballo: o seu amor polo concello, o seu liderado e a súa calidade humana.

“Evencio está facendo o que sempre quixo facer, o que máis lle gusta: traballar por e para Carballo, para mellorar a vida dos seus veciños e veciñas, o seu amor por este concello, que coñece como a palma da man, é outra da claves que o converteron no mellor alcalde”, indicou. En relación ao seu liderado, destacou que Ferrero é “o mellor dos capitáns a fronte dun equipo excepcional de homes e mulleres que reúnen  experiencia e xuventude, un equipo de persoas solventes, traballadoras, honestas e con todas as ganas de mundo para que Carballo siga avanzando e progresando”.

Finalmente, Pontón tamén quixo destacar o aspecto humano do alcalde: “A súa cercanía coa xente, ese despacho sempre coa porta aberta, esa man tendida e súa disposición a escoitar e a aportar solucións.  Evencio é unha gran persoa e tamén por iso é o mellor alcalde da historia de Carballo e así seguirá tras o 28M”, enfatizou.

Durante a súa, Pontón destacou algúns dos logros do proxecto municipal do BNG que teñen convertido Carballo nun referente en Galiza, empezando polo seu urbanismo sostible e á medida das persoas, -“por que non dicilo? Hoxe Carballo está guapo, mola”-; pola recuperación e a cohesión dos barrios; polos servizos públicos que ofrece, as políticas feministas e a favor da igualdade social.

Calidade de vida e benestar

Un exemplo tamén porque conta cun gran tecido empresarial e comercial que aporta riqueza e emprego; referente en conservación do medio ambiente e eficiencia enerxética; cun dinamismo cultural “que para si quixeran moitas grandes cidades”, -recalcou-. En definitiva, sintetizou Pontón, “hoxe Carballo é un concello orgulloso de si mesmo e do lugar que ocupa en Galiza, un lugar para vivir e traballar, con calidade de vida e con benestar”.

E todo este traballo “excepcional” feito polo goberno municipal en solitario, sen poder contar coa normal axuda e colaboración do Goberno galego que, ao contrario, só puxo paus nas rodas. E aí están todas as infraestruturas pendentes, retrasadas durante anos “por puro sectarismo político”, denunciou, como a ampliación do parque empresarial ou a circunvalación, ignorando e desprezando as necesidades deste concello.

Fronte aos paus nas rodas, máxima colaboración

“Se cun Goberno do PP á contra na Xunta o BNG logrou facer de Carballo un referente,  imaxinade o que poderá facer Evencio e todo o seu equipo cando teñan un goberno da Xunta a favor, un goberno liderado polo BNG e que, por primeira vez na historia, conte unha presidenta coas mans libres, coa cabeza e o corazón en Galiza”, interpelou, ao tempo que avanzaba toda a colaboración dun goberno galego liderado polo Bloque.

“Tendes a miña palabra, o meu firme compromiso de que, cunha presidenta do BNG, Carballo recibirá do goberno da Xunta todo o apoio que precise, que teredes en min unha aliada incondicional para que este concello teña o investimento e as infraestruturas que reclama e que merece”, concluíu, animando a saír a por todas o 28M en Carballo e no conxunto da comarca,  “sen poñerse límites,  explicándolle a cada veciño e a cada veciña o proxecto do BNG”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG