Ana Pontón: “Estou preparada para ser a presidenta do cambio que precisa Galiza”

Ana Pontón
Ana Pontón

O Consello Nacional proclama á portavoz nacional candidata á Presidencia tras obter o apoio da 99,18% da militancia nas asembleas

“Imos a por todas para abrir un tempo novo desde o orgullo, a esperanza e a confianza para construír unha Galiza en grande”, subliña a candidata

Destaca que o Bloque é a “alternativa real ao PP” para darlle a este País o mellor goberno da súa historia coas mans libres e sen ataduras a Madrid

O Consello Nacional do BNG, máximo órgano de dirección entre asembleas, proclamou a Ana Pontón candidata á Presidencia da Xunta, nunha votación por unanimidade que ven precedida polo apoio do 99,18% da militancia desde as comarcas, un apoio “desbordante” que agradeceu emocionada, a líder do Bloque.

“Quero dicirvos que teño máis ilusión e que me sinto máis preparada que nunca para afrontar o reto de darlle a este País por primeira vez unha Presidenta coas mans libres, un reto que acepto porque é un traballo en equipo e eu teño a sorte de representar BNG, o mellor equipo, o que ten a Galiza na cabeza e no corazón, que está no seu mellor momento e preparado para darlle un futuro mellor á xente deste País”, proclamou.

A candidata á Presidencia destacou que o BNG vai a por todas, desde a certeza de que a maioría social que quere cambio ten na formación nacionalista o seu referente. “Imos a por todas para abrir un tempo novo desde o orgullo, desde a esperanza e desde a confianza para construír unha Galiza en grande, porque o BNG é o cambio galego para gañar un País mellor”, subliñou, a alternativa de futuro fronte a un PP que vive o seu “epílogo” e que representa o pasado.

“O obxectivo é poñer en marcha o mellor goberno galego de todos os tempos, preparado para liderar o País desde o primeiro minuto, cun proxecto solvente, claro e ao servizo da maioría. Non imos perseguir imposibles, nin prometer o que non poidamos cumprir, pero imos facer todo o que estea na nosa man e máis para construír a mellor Galiza, para transformar este país. O BNG está preparado e eu síntome preparada para ser a Presidenta do cambio que precisa Galiza”, proclamou.

É o momento de dicir “basta” a catorce anos de gobernos do PP “ao servizo” do lobby eléctrico, da banca, das empresas amigas do Partido Popular; a catorce anos dun goberno que pon o lucro privado por riba do interese público, na sanidade, na educación, na atención ás persoas maiores, no territorio, sinalou a candidata.

“Comprométome a ser a presidenta dun goberno que só teña unha prioridade: defender os intereses do País, coidar da xente, coidar do territorio e facer avanzar Galiza”, destacou, en contraposición a un Executivo do PP que leva catorce anos “triturando o presente e o futuro e que deixa unha Galiza máis débil”.

Por iso, fronte a un PP que representa o pasado, -“o seu tempo pasou”, sentenciou Pontón-, o Bloque representa o futuro para construír unha Galiza en grande “desde a confianza no enorme potencial e capacidade deste País; desde a ambición para colocarnos entre as nacións máis avanzadas do mundo,  e desde o respecto, porque un goberno do BNG non vai permitir a discriminación de Madrid. Non somos máis que ninguén, pero tampouco imos pasar por menos”, subliñou.

A líder nacionalista recalcou que as próximas eleccións galegas son as máis importantes das últimas décadas, ao tempo que advertiu da tentación das forzas estatais de importar a súa confrontación madrileña.

Batallitas

“Son importantes porque nos xogamos a sanidade, a educación, a atención aos maiores, o emprego ou o coidado do noso territorio. Sen embargo, teño a intuición de que as forzas estatais van queren trasladar as súas batallitas madrileñas ás eleccións galegas, van querer usalas para unhas guerras que non son as nosas, porque no fondo, nin uns nin outros teñen proxecto para Galiza”, advertiu na súa intervención ante o Consello Nacional.

E fronte a esas forzas estatais, a alternativa real de cambio galego que lidera o BNG, “porque os galegos e galegas saben que a única forza que ten un proxecto alternativo e de futuro é o BNG e imos a dalo todo por conseguilo, eu a primeira”, recalcou, “porque é o momento do cambio galego, é o momento dun goberno a favor deste País, sen ataduras nin submisións a Madrid, é o momento de facer historia cunha muller presidenta”.

Pisar o acelerador

Pontón destacou a capacidade que tivo o BNG ao longo dos últimos anos de ensanchar a súa base social, desde un dialogo permanente cos sectores económicos, sociais e culturais, “traballando con intelixencia e con humildade” e sendo capaces de  conectar con toda a cidadanía “que lle quere ao País”. Por iso, pediu a máxima implicación de toda a organización “nesta recta final” para liderar o goberno do cambio.

“Emprazo ao conxunto da organización, á militancia, a  todos e todas vós como máximos dirixentes  a pisar o acelerador, renovando o traballo, o compromiso e a alegría que nos converteu na alternativa ao PP, porque na próxima cita coas urnas hai moito en xogo e nin podemos nin queremos fallar”, subliñou, tras facer un recoñecemento do gran traballo feito.  “Acertamos”, sintetizou.

Liderar un goberno feminista

Na súa intervención, a portavoz nacional aproveitou a celebración do 25N para adquirir un compromiso con todas as mulleres en materia de loita contra a violencia machista: darlle a Galiza un goberno feminista.

“O meu compromiso é ser a presidenta da igualdade e do avance dos dereitos das mulleres, porque quero unha Galiza na que todas nos sintamos libres e iguais. E xa avanzo que destinarei o 1% do orzamento a loitar contra a violencia machista, porque as galegas merecen moito máis que minutos de silencio ou lazos lila, merecen unha presidenta que traballe polos seus dereitos e liberdades. Ese é o meu compromiso con todas elas”, concluíu.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG