Ana Pontón esixe o recoñecemento do carácter plurinacional do Estado español e o dereito de Galiza a decidir

Ana Pontón
Ana Pontón

A líder nacionalista anuncia un plan para reclamar máis de 50 competencias sen modificar o Estatuto e pon data á actualización dun “novo estatus político” para o país

Pontón acusa ao bipartidismo de converter Galiza nunha nacionalidade histórica de segunda: "trátase dun agravio e non podemos continuar así!"

A portavoz nacional do Bloque Nacionalista Galego, Ana Pontón, asistiu ao acto conmemorativo "Por Galiza. 50 anos das Bases Constitucionais" que organizou a Fundación Galiza Sempre e o BNG. Reivindicou a necesidade de avanzar cara a un Estado plurinacional no que Galiza deixe de ser unha “nacionalidade histórica de segunda”, unha situación que atribuíu directamente ao bipartidismo do PP e PSOE, e á súa “desidia” e “deixación de funcións” con respecto ao autogoberno galego.

Durante a xornada sobre a memoria do nacionalismo galego, Pontón denunciou que, a pesar de que a Constitución recoñece a Galiza como nacionalidade histórica ao mesmo nivel que Euskadi e Cataluña, “nas últimas décadas estas dúas nacións aumentaron o seu autogoberno de forma moito máis intensa que Galiza”. Así, lamentou que o noso país sexa a única desas tres que carece de competencias en materia de tráfico, policía propia, tren de proximidade ou representación na Unesco.

Acto Bases Constitucionais
Acto Bases Constitucionais

“Non existe ningún argumento, nin legal nin político, que xustifique que Euskadi e Cataluña poidan exercer esas competencias e Galiza non”, afirmou, para engadir que o PP e o PSOE actúan como “dúas botas de auga” cando se trata de discriminar Galiza: “Cando gobernan no Estado, nada para Galiza; cando están na oposición, reclaman”.

Neste contexto, a líder do BNG anunciou que o BNG presentará ao longo de 2026 dous documentos propositivos. O primeiro será unha análise exhaustiva de máis de 50 novas competencias que Galiza podería asumir sen modificar unha coma do actual marco competencial, en áreas como ferrocarril, portos, aeroportos, tráfico, inspección de traballo, ingreso mínimo vital ou enerxía. “Imos poñer ao PP ante o espello e terá que explicar á sociedade galega por que non quere asumir unhas competencias para as que non hai ningún impedimento legal”, sentenciou.

Francisco Rodríguez, María Obelleiro e Pilar Allegue
Francisco Rodríguez, María Obelleiro e Pilar Allegue

O segundo documento, que estará listo antes de que remate o ano, será unha proposta actualizada de novo estatus político para Galiza, que virá actualizar as anteriores iniciativas do BNG (como o Estatuto de Nación de 2005 ou as Bases Democráticas de 2017). Pontón lembrou que “o marco autonómico sempre foi un traxe estreito” e defendeu a necesidade de combinar o realismo político con obxectivos estratéxicos.

Mario Zubiaga (Bildu), Etna Estrems (ERC), Néstor Rego (BNG) e Carme Vidal
Mario Zubiaga (Bildu), Etna Estrems (ERC), Néstor Rego (BNG) e Carme Vidal

Finalmente, a portavoz nacional fixo un chamamento á unidade do nacionalismo galego, que considera “a gran fortaleza” do BNG, e avogou por seguir ampliando a base social e electoral para conseguir “unha nación sen ataduras e sen límites”. “Galiza merece máis, Galiza merece o todo”, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG