Ana Pontón empraza a Xunta e Goberno central a garantir a “devolución íntegra” de Meirás

Mobilización Meirás
Mobilización Meirás
Advirte das resistencias para pechar o proceso “con bo pé” e considera a posible indemnización aos Franco inaceptable e unha ofensa ás vítimas

A portavoz nacional, Ana Pontón, emprazou a Xunta e Goberno central a “estar á altura da sociedade galega” para garantir a devolución “íntegra” do Pazo de Meirás. “Depende da vontade de ámbolos dous que así sexa”, recalcou na manifestación convocada por Iniciativa Galega pola Memoria en defensa da titularidade pública deste patrimonio e contra os privilexios do franquismo, á que asistiu unha ampla representación do BNG, entre a que se atopaban tamén a portavoz parlamentaria en Bruxelas, Ana Miranda, e o deputado no Congreso, Néstor Rego.

Pontón apelou aos Executivos galego e estatal para garantir que o proceso de devolución do pazo, incluídos os bens do interior do inmoble,  “vai finalizar con bo pé” porque, segundo asegurou, a sociedade galega estalles a dar “un toque de atención” neste sentido con esta mobilización.

Mobilización Meirás    Logo de recoñecer que “se hoxe estamos onde estamos é precisamente grazas á mobilización social”, a portavoz nacional advertiu das “resistencias” que persisten, pese ao “debate gañado” coa consideración de que Meirás “foi un ben espoliado que debe ser devolto aos galegos e galegas”.

Así, referiuse á sentenza que recoñece a titularidade pública do pazo, pero que se atopa aínda pendente do Tribunal Supremo; ao que considerou capítulo “absolutamente rocambolesco” polo que se chega a cuestionar que os bens que están dentro do inmoble non formen parte da súa unidade; ou de decisións xudiciais sobre unha posible indemnizacións aos Franco.

Mobilización Meirás“Indemnizar a unha familia por ocupar 40 anos ilegalmente este pazo; o mundo ao revés”, afirmou, para recalcar a continuación que unha compensación económica para os Franco suporía tamén unha “afrenta á memoria das vítimas”.    

A portavoz nacional do BNG subliñou que “Meirás é moito máis que un pazo, é un símbolo” e engadiu que a batalla pola súa devolución aos galegos e ás galegas “é tamén unha loita para poñer fin aos pozos negros da transición”, xa que deixa en evidencia os defectos “dunha transición que foi un pacto co franquismo”. “Residuos como os de Meirás o que nos demostran é que para que haxa unha sociedade plenamente democrática hai que romper con ese franquismo e esta é unha loita pola dignidade e pola democracia e por iso hoxe estamos aquí”, concluíu. 

 

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG