Ana Pontón: “As dúas condicións para que a continuidade da lexislatura teña sentido son: cumprir con Galiza e avanzar na axenda social”

Ana Pontón
Ana Pontón
Advirte a Rueda que o BNG non vai deixar de denunciar a súa “deriva autoritaria e antidemocrática” e úrxeo a retirar as “circulares da censura” nos centros educativos e de saúde

A portavoz nacional, Ana Pontón, indicou que, para o BNG, continuar coa lexislatura a nivel estatal só ten sentido se o Goberno de Pedro Sánchez cumpre dúas condicións: “acelerar todos os compromisos pendentes con Galiza” e “pisar o acelerador dunha axenda social que realmente permita mellora a vida das persoas”.

Pontón advertiu en rolda de prensa que o Bloque está en Madrid “para defender os intereses dos galegos e das galegas”. “O BNG non está en Madrid nin para defender o PSOE, nin para defender a Sánchez, senón para defender Galiza e esta é a liña na que imos seguir traballando”, recalcou.

Neste sentido, recordou que a formación nacionalista ten “un acordo de investidura e non de lexislatura” co PSOE, polo que o seu voto “é un voto libre” que vai empregar sempre en función “de se se cumpre con Galiza” e das medidas que se desenvolvan dende o punto de vista social. 

A líder nacionalista puxo en valor os “avances importantes” logrados polo BNG a través dese acordo de investidura, entre os que citou “as rebaixas históricas nas peaxes da AP-9”, a rexeneración da ría do Burgo, o adianto na modernización do tren, por exemplo coa electrificación da liña entre Lugo e Ourense, a implantación do servizo ferroviario de cercanías neste mandato ou a condonación da débeda pública cun recorte de 4.000 millóns de euros, “se o señor Rueda non o impide”, subliñou.

Cuestións todas elas que considerou de grande importancia para mellorar a vida dos galegos e das galegas e que demostran que é o BNG quen é capaz de defender os intereses dos galegos e das galegas en Madrid”. Non obstante, apuntou que hai ámbitos que aínda están pendentes de cumprimento e “é aí onde o Goberno de Sánchez ten que pisar o acelerador”, remarcou.

De igual xeito, apuntou a necesidade de avanzar en dereitos sociais, en mellorar as condicións de vida das persoas, que teñen múltiples problemas, entre os que sinalou o do acceso á vivenda, a suba de prezos ou a precariedade laboral. Por iso, reiterou que, para o BNG, o Executivo central ten que pisar o acelerador na axenda social e cumprir con Galiza.

“Entramos nun momento crítico na lexislatura, onde o goberno ten que pisar o acelerador deses compromisos, porque o BNG está en Madrid para defender aos galegos e ás galegas, non para ningunha outra cousa, e esa é a cuestión na que a nosa posición vai ser firme e moi clara”, sintetizou.

A portavoz nacional referiuse ao debate sobre a corrupción celebrado onte no Congreso, do que dixo que “no debate político, non vale todo”, porque os problemas que ten hoxe en día a cidadanía “non se van resolver nin desde a crispación, nin desde o insulto, nin nesa lameira na que está convertida a política madrileña”.

Nesta liña, criticou a un Alberto Núñez Feijóo “en estado puro”, “sen escrúpulos” e “disposto a todo na súa estratexia de supervivencia dentro do seu partido e disposto a todo para chegar ao poder”, algo que, advertiu, non sorprende en Galiza. 

“No BNG nin compartimos, nin nos identificamos con esa maneira de facer política e preocúpanos que o señor Rueda estea intentando trasladar a lameira madrileña a Galiza, como vemos en cada sesión de control, única e exclusivamente para tentar tapar a súa incompetencia política e a súa falta de proxecto para o País”, incidiu.

Pontón tamén sinalou que a Pedro Sánchez lle faltou “autocrítica e tamén máis contundencia” á hora de loitar contra a corrupción e emprazou a que as medidas anunciadas “pasen do papel á realidade” porque “non sería a primeira vez que se anuncian medidas que quedan absolutamente en nada”.

En todo caso, considerou preciso “ir moito máis alá” na loita contra a corrupción, por exemplo, contra as empresas que corrompen. “Contundencia contra quen se deixa corromper, pero tamén contundencia contra esas empresas que vemos como cambian os gobernos, pero seguen utilizando as mesmas prácticas beneficiándose da corrupción”, reclamou. É esta, afondou, unha cuestión na que considerou preciso traballar, co obxectivo de “erradicar unha corrupción que é endémica e que vén afectando ao bipartidismo dende hai décadas”.

A censura ideolóxica e informativa de Rueda

Na súa comparecencia, a líder nacionalista denunciou de novo “a deriva autoritaria e antidemocrática” do Executivo de Alfonso Rueda que, recalcou, “está chegando a límites insoportables” e retrata ao “Partido Popular máis ultra de todos os tempos”, empeñado en “impoñer censura por terra, mar e aire para silenciar calquera crítica e calquera discrepancia coas súas políticas”.

O último exemplo desta deriva é a imposición do “control ideolóxico nos centros educativos” e do “control informativo nos centros de saúde” co que o Goberno de Rueda, afirmou, “sobrepasa todas as liñas vermellas”. “O que está propoñendo Rueda non é neutralidade ideolóxica, senón censura ideolóxica e informativa e no BNG non imos quedar caladas”, advertiu. 

Neste sentido, recordou que o PP xa converteu a TVG na “TelePP”, continúa no seu empeño de “amordazar o Parlamento” negando comparecencias e debates e ocultando información que por lei ten que remitir á Cámara –“silenciar a oposición do BNG é unha obsesión deste goberno”, remarcou– e mesmo chegou ao “menosprezo e insulto” de todas as persoas que se manifestan, por exemplo, en contra dos recortes na sanidade ou a favor do galego, para reclamar unha mellor atención á dependencia ou para dicir que non queren a instalación da macrocelulosa de Altri no corazón do País.

“Para o Partido Popular todas estas persoas son adoutrinadas, sen criterio propio, e, agora, nesa lóxica autoritaria e antidemocrática, Rueda aplica a censura para directamente silenciar ou prohibir calquera crítica ou discrepancia coas súas políticas”, criticou, para reclamar a continuación ao titular do Executivo que rectifique e retire as circulares da censura enviadas pola Xunta a centros educativos e de saúde porque “a democracia non se constrúe nin silenciando, nin prohibindo as críticas e discrepancias, senón permitindo que todas as voces se poidan expresar en liberdade”.

Pontón insistiu en pedir a anulación destas circulares “que son unha auténtica vergoña democrática e non poden ter cabida na Galiza de hoxe”, tal e como fixo na sesión de control parlamentaria celebrada onte e á que Rueda, lembrou, “respondeu como acostuma, con prepotencia, con comentarios machistas e repetindo un argumentario que lle mandan desde o Partido Popular de Madrid”.

A portavoz nacional tamén considerou “un síntoma da democracia de baixa calidade” que quere impoñer o PP a súa negativa a que Galiza conte cunha oficina para loitar contra a corrupción, en particular coa que se produce na contratación pública, tal e como propón o BNG e como xa teñen outras comunidades.

“Preguntámonos que ten que temer o Partido Popular, que ten que temer o Goberno de Rueda para opoñerse a que Galiza teña unha oficina de loita contra a corrupción; se non ten nada que ocultar, nin tampouco nada que temer, pídolle que rectifique e que poña en marcha esta proposta do BNG”, reclamou.

En todo caso, advertiu ao presidente do Executivo que o BNG non vai parar de denunciar e de combater a súa deriva autoritaria e antidemocrática. “Non imos de deixar de defender o dereito de todos os galegos e galegas a pensar e expresarse libremente, non imos permitir que impoña a censura e a prohibición nin nos centros de ensino nin nos centros de saúde para silenciar as voces críticas co Goberno do PP”, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG