Xerais 2023

Ana Pontón: “Disputámoslle escanos ao PP en todas as provincias e temos ao alcance da man lograr un grupo galego forte”

Acto Santiago de Compostela
Acto Santiago de Compostela

Pide en Santiago o mesmo apoio que fixo alcaldesa a Sanmartín e insta a concentrar no BNG todo o voto “rebelde, inconformista e de país” o 23X

Néstor Rego apela á mobilización para sorprender de novo cun resultado histórico e dar ao País a representación que se merece na política estatal  

A  portavoz nacional, Ana Pontón, destacou no mitin de Santiago que o BNG estalle disputando escanos ao PP en todas as provincias e por iso darlle a Galiza un grupo galego forte no Congreso “está ao alcance da man". De aí a súa chamada á mobilización e a concentrar todo o voto “rebelde, inconformista e de País” no BNG, sabendo que a súa papeleta vale dobre: empodera Galiza en Madrid e frea a un PP cada vez máis ultra.

“Galiza xógase moito este domingo. Por iso ningún voto rebelde, inconformista e de país pode quedar na casa este 23 de xullo. Hai que encher as urnas de votos BNG, sabendo que o Bloque non vai fallar nin na defensa de Galiza nin na defensa dos dereitos e liberdades”, proclamou no mitin que compartiu coa alcaldesa, Goretti Sanmartín, e co cabeza de cartel pola Coruña, Néstor Rego. 

Acto Santiago de Compostela
Acto Santiago de Compostela

Pontón destacou que o Bloque está indo a máis nesta campaña, que está mobilizando e captando voto indeciso cara a candidatura de País, polo que un grupo galego forte no Congreso será “decisivo” para conformar o futuro goberno do Estado “e imos usar esa forza para defender os intereses dos galegos e das galegas”, recalcou.

Neste sentido, apelou activarse nas urnas o 23X para facer posible un grupo forte orgullosamente galego “fronte ás forzas estatais, todas e cada unha, que levan anos alternándose na discriminación a este País en función de quen sente na Moncloa, forzas  que din unha cousa aquí e a contraria en Madrid”. De feito, Pontón ironizou sobre as “leccións de voto útil que veñen impartir estes días de campaña”, lembrando que un só deputado do BNG foi máis útil para mellorar a vida dos galegos e das galegas que os 22 restantes.

A líder nacionalista está convencida de que o Bloque volverá superar todas as expectativas, e pediu para logralo que todas as persoas que apoiaron a Goretti Sanmartín para que hoxe sexa a alcaldesa da capital do País, volvan coller a papeleta do BNG o próximo domingo.

“Se todas as persoas que votaron BNG nas galegas repiten a súa confianza, Galiza terá grupo galego forte; se todas as persoas que votaron BNG nas municipais nos apoian, haberá grupo galego forte, así que fagámolo posible”, apelou na compostelá Praza de Cervantes.

A portavoz nacional recalcou que “non é o momento de votar nin por medo nin polo mal menor. Ao contrario, temos que ir ás urnas con ilusión, con esperanza, con ganas e con orgullo do noso”, para defender as causas do País ante o Estado. “Que non nos confundan os contos das forzas centralistas, que só ven en Galiza un caladoiro de votos”, advertiu, e recalcou que aquí a verdadeira alternativa ao PP é o BNG porque “cada escano máis do Bloque é un menos para Feijóo”.

Ana Pontón aproveitou  o mitin de Compostela para facer un especial chamamento á mobilización da mocidade “que quere unha Galiza na que ter futuro, diversa, plural e inclusiva”, e tamén ás mulleres, ás que convidou a ser decisivas nestes comicios apoiando ao BNG para avanzar nunha Galiza “feminista de mulleres libres e iguais”.

Inclinar a balanza para Galiza

O cabeza de lista pola Coruña e portavoz na última lexislatura, Néstor Rego, dixo pola súa banda que “o que pasou nas municipais na capital galega é o exemplo de que o BNG supera as expectativas e as enquisas e vai a máis”. Lembrou así que, en campaña, só o propio BNG falaba da posibilidade de ter alcaldía e hoxe é unha realidade. “O  mesmo pode pasar o 23X e o BNG pode de novo sorprender cun resultado histórico. Neste momento, temos todas as posibilidades de conseguir un grupo forte no Congreso e está na nosa man que, por primeira vez, Galiza estea representada como merece e como necesita”, apuntou.

Neste sentido, chamou ao voto a todas as persoas que nas eleccións municipais e nas galegas apoiaron o BNG e tamén ás decepcionadas polo esquecemento por parte dos partidos estatais. Logo de relatar os logros conseguidos con só un escano no Congreso, Néstor Rego insistiu en que “cun grupo galego forte podemos ser determinante e condicionar as políticas do Estado en beneficio do noso país, como fan vascos e cataláns... nós non temos por que ser menos”.

Acto Santiago de Compostela
Acto Santiago de Compostela

Pediu así que o vindeiro 23X se vote “con orgullo e con confianza” porque, só así, poderemos conseguir unha representación que responda “só a mellorar a vida dos galegos e galegas con políticas transformadoras, sen máis dependencias”.

“Temos urxencias claras, padecemos unha discriminación histórica, as nosas infraestruturas ferroviarias e viarias non están á altura do século XXI, precisamos mellorar as nosas rías, verdadeiras fontes de riqueza; necesitamos máis dereitos laborais e sociais, é imprescindíbel reverter a crise industrial e unha política enerxética xusta”, dixo o candidato pola Coruña respecto ás demandas que o BNG levou ao Congreso e non contaron co apoio do goberno.

“Se temos un grupo forte, a balanza inclinaríase para Galiza con maiores investimentos, como cando, en 2009, 2009, e 2010 fomos determinantes, por iso, o voto BNG é o que máis interesa, é o que vale dobre e consigue beneficios para os galegos e galegas ademais de parar á dereita e ultradereita”, manifestou no mitin central en Santiago de Compostela.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG