Ana Pontón destacada que a Semana Verde de Silleda é un “gran escaparate” do potencial do sector agrogandeiro de Galiza

Feira de Silleda
Feira de Silleda

Demanda medidas para facer cumprir a Lei da cadea alimentaria e que produtores e produtoras non vendan por baixo de custes

Propón axudas directas  para un sector, entre os máis impactados pola suba de prezos, que aporta alimentos de calidade e dinamiza o medio rural

A portavoz nacional, Ana Pontón, visitou a 44º edición Semana Verde de Silleda e destacou que a feira é un “gran escaparate” do potencial do sector agrogandeiro, tanto para producir alimentos de calidade como para a súa transformación para xerar valor engadido.

Isto supón, indicou a líder do BNG, “un valor como sociedade que debemos recoñecerlle ós produtores e ás produtoras dun sector que vive un momento complexo: Non hai nin un só país avanzado que non teña un medio rural forte, e en Galiza temos capacidade para conseguir un rural vivo, dinámico e produtivo, pero precisa apoio desde as administracións”.

Feira de Silleda
Feira de Silleda

Producir alimentos de calidade e camiñar cara a soberanía alimentaria é unha cuestión fundamental que a pandemia puxo máis de relevo que nunca, por iso, o BNG propón medidas como incrementar a superficie agraria útil, tendo en conta que só un 3,9% da superficie agraria está destinada a produtos de consumo humano, cando no conxunto do Estado é do 25,5%.

Fundamental tamén garantir prezos xustos, “porque vemos como subiu a cesta da compra pero ese incremento non chega nin ós produtores e produtoras de leite ou de carne”, indicou Pontón, citando dous exemplos. Por iso hai que facer cumprir a Lei da cadea alimentaria, que impide pagar prezos por debaixo de custe.

Igualmente, defende axudas directas para que o sector primario poda afrontar a inflación e, nese sentido, propón mobilización 700 M€ para atender ó sector primario e a outros sectores económicos que sofren especialmente a subida de prezos.

O BNG ten claro que Galiza non se entende sen un rural vivo e, por iso, a líder nacionalista fixa como prioridade “rescatar o rural” do abandono no que o deixan as políticas do PP, abandono que amosan datos como o que indica que en 2021 o Goberno da Xunta deixou sen executar o 21% do orzamento, ou que desde 2009 o investimento en valorizar e dinamizar o medio rural caeu en 1.412 millóns de euros.

Para o Bloque, o rescate do rural é posible pero para iso é preciso unha estratexia a favor do rural que, por exemplo, aplique unha política de discriminación positiva en materia de servizos públicos, que inclúa un plan para mobilizar terra agrícola abandonada, en concreto, 100.000 hectáreas en dez anos, e recuperar para uso agrario as terras ilegalmente forestadas.

Feira de Silleda
Feira de Silleda

Dentro desa aposta, impulsar a produción hortifrutícola e a agroecoloxía,  superando a reducionista visión do monocultivo de eucalipto, superficie agraria destinada á produción de cereais, hortalizas, froitas, legumes, oleaxinosas ou aceite, pese a que as condicións son extraordinarias para os cultivos agrarios.

Comercialización

Tamén se considera clave a comercialización, con medidas como a posta en marcha de centros comarcais de envasado e etiquetaxe pensados parar facilitar a venda da produción de quilómetro cero; a creación dunha plataforma público-privada de comercialización online, a modo de amazon galego para produtos frescos e elaborados de orixe agrogandeira.

Igualmente, no ámbito da comercialización, promover o consumo de produtos locais no ámbito público como residencias, hospitais, centros educativos, edificios administrativos. Ademais de apoiar ó produtor local, redúcese o impacto ambiental.

Un rural vivo implica dotación en infraestruturas, aposta pola dixitalización e por estender as novas tecnoloxías, mellorar as comunicacións para garantir unha mobilidade propia do século XXI. Un aspecto clave son as políticas de igualdade para a muller, “empoderar” as mulleres e darlle o recoñecemento e o papel que lles corresponde. E rexuvenecer o rural, o que pasa por atraer á xente moza, con servizos de calidade, rendas dignas, infraestruturas, boas comunicacións, ocio, tecnoloxía”.
 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG