Municipais 2023

Ana Pontón destaca que Mondariz precisa “máis BNG” no goberno municipal para que o concello siga avanzando e progresando

Acto Mondariz
Acto Mondariz

Presenta a Xosé Emilio Barros como un alcalde “dialogante, traballador, coas ideas claras para mellorar o concello e coa valentía para levalas adiante”

Destaca que hoxe en Galiza o modelo municipal de éxito e de referencia é o que practica o BNG en todas as vilas e cidades nas que goberna

A portavoz nacional, Ana Pontón, participou na presentación do candidato á Alcaldía de Mondariz, o actual rexedor, Xosé Emilio Barros, a quen se referiu como “un alcalde dialogante, traballador, con ideas e coa valentía para levalas a cabo para facer avanzar Mondariz”. E precisamente para que o concello siga avanzando e progresando, Pontón subliñou que o que necesita Mondariz é “máis BNG” no goberno municipal.

“Quero empezar por compartir con todas e todos vós un convencemento: Que o próximo 28 de maio a veciñanza de Mondariz vai dar un apoio maioritario ao BNG para que Xosé Emilio lidere un goberno municipal con máis forza e con máis capacidade para seguir avanzando e mellorando, para que este concello siga a senda de progreso e de benestar que inicio fai catro anos”, argumentou.

O BNG xa demostrou neste mandato do que é capaz, recalcou, “e para seguir nese camiño, para continuar con ese avance, precisamos máis BNG no concello, máis BNG no goberno municipal e estou segura de que os veciños e as veciñas van darlle ao BNG a maioría necesaria para que Mondariz siga mirando ao futuro con ilusión e con esperanza, sabendo que teñen un alcalde cunha folla de ruta clara a favor da maioría social”.

Na súa intervención, a líder nacionalista salientou que o goberno municipal que encabeza Barros “iniciou un tempo novo de transformación e de modernización en Mondariz”, con fitos como o de lograr reverter a perda de poboación nunha Galiza que ten unha gravisima crise demográfia.

Acto Mondariz
Acto Mondariz

“Temos proxecto de goberno para Mondariz e temos un gran alcalde que non retrocede ante as dificultades, ao contrario, como ben sabedes”, recalcou, incidindo en que o actual rexedor demostrou ser “un alcalde dialogante, cercano, que afronta as dificultades desde o rigor e con propostas en positivo, traballador. Humilde no trato pero ambicioso á hora de defender os intereses da súa veciñanza, que coñece Mondariz como poucos e que ten un proxecto de goberno claro para continuar modernizando e transformando este concello, seguindo o modelo municipal do BNG”.

Neste sentido, Pontón subliñou que, a día de hoxe en Galiza o modelo municipal de referencia é o do BNG, un modelo de éxito, que funciona.

“O modelo de goberno municipal do BNG é solvente, é transformador, sabe xestionar con eficacia cada euro, é un modelo que aposta polos servizos públicos, un modelo que mellora a vida das persoas, que aporta dinamismo económico, social e cultural. E todo isto podemos velo xa en Mondariz, coa modernización de servizos, coa posta en marcha de novas infraestruturas e equipamentos e cunha xestión eficiente”, explicou.

Por iso, a líder do Bloque amosouse convencida de que o vindeiro 28 de maio a candidatura nacionalista vai ter un resultado histórico. “O BNG vai contar co apoio maioritario da veciñanza para seguir a senda de progreso, de benestar social e de futuro, cun goberno municipal con máis BNG, coa maioría necesaria para gobernar sen límites a favor de Mondariz, baixo o liderado do seu alcalde, Xosé Emilio”, proclamou.

Na súa intervención, a líder nacionalista tamén fixo referencia ao contexto de crise no que se celebra a campaña electoral, cun Goberno do PP “insensible aos problemas da xente, instalado na rutina, incapaz de tomar nin unha soa medida relevante para sacar Galiza adiante”. Por iso, o BNG vai seguir presentando alternativas viábeis para unha saída galega e xusta da crise.

Defensa dos servizos públicos

Empezando pola defensa da sanidade pública tras catorce anos de recortes, aportando un modelo de atención primaria alternativo, que inclúa máis financiamento, persoal suficiente e novos servizos sanitarios nos centros de saúde.

Tamén fronte ao espolio eólico que promove o PP para que as eléctricas se sigan forrando, o BNG defende a tarifa eléctrica galega para abaratar a factura da luz ás familias e ás empresas, “que para algo estamos nun país rico en electricidade”.

Igualmente, propostas ante a subida do xuros, tendo en conta que 175.000 familias teñen unha hipoteca, un plan de rescate hipotecario pagado pola banca para axudar as familias hipotecadas con menos ingresos.

“Temos alternativas para este País, así que moito ánimo, moito traballo, moita humildade, pero tamén moito orgullo e a por todas, porque é desde os concellos que empezamos a construír esa Galiza é grande que queremos e que nos merecemos”, concluí

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG