Municipais 2023

Ana Pontón destaca que BNG terá un resultado histórico en Ames e que David Santomil será o próximo alcalde tras o 28M

Acto Ames
Acto Ames

O BNG foi o motor do actual goberno municipal e impulsor das políticas que aportaron benestar, igualdade e máis calidade de vida á veciñanza

A líder nacionalista insta a ir a por todas e coa man tendida, convencida de que o Bloque será a forza política que máis medre nas eleccións locais

A portavoz nacional, Ana Pontón, participou na presentación de David Santomil como candidato á Alcaldía de Ames, de quen destacou que foi o “motor” do actual goberno municipal, impulsando políticas que aportararon mellor calidade de vida á veciñanza e, con ese aval, terá o apoio da veciñanza para ser o próximo alcalde de Ames.

“E sabedes por que? Porque os veciños e as veciñas saben que o traballo do BNG ao longo destes anos foi o motor do Goberno municipal, saben que foi o motor de todas as políticas que supuxeron benestar social, que supuxeron mellorar a vida das persoas”, destacou a líder nacionalista. “A veciñanza sabe que é grazas ao BNG que hoxe teñen un concello con máis servizos, con máis benestar, con máis igualdade, con máis calidade de vida e, por iso, David vai ser o próximo alcaldes de Ames”, recalcou.

Os veciños e veciñas queren que o seu concello siga avanzando e por iso, argumentou, “estou segura de que imos ter un resultado histórico en Ames liderando o goberno tras o próximo 28 de maio”. Neste sentido, Pontón puxo en valor o modelo de goberno municipal “de éxito” do BNG, un modelo de gobeno municipal “que funciona”.

“Digo con humildade pero tamén co máximo orgullo: os gobernos municipais do BNG son gobernos de calidade, son gobernos solventes, que saben xestionar con eficacia cada euro, son gobernos con capacidade de transformar en positivo e de mellorar a vida das persoas, son gobernos que dan aos concellos dinamismo económico, dinamismo social, dinamismo cultural”, recalcou.

“Todo isto é o que estamos facendo nos concellos nos que gobernamos e ese modelo é o que queremos aplicar en Ames, da man de David, unha persoa preparada, solvente, unha persoa nova pero con moita experiencia, que coñece as necesidades do concello e que ten unha folla de ruta para darlle un futuro mellor. Por todo isto, David vai ser un gran alcalde”, salientou Pontón.

“Os veciños e as veciñas de Ames saben que terán en David un alcalde disposto a escoitar e a dar solucións, a collelos da man e a pelexar polos intereses deste concello, un alcalde coas portas abertas sempre disposto a escoitar, a dialogar e traballar para darlle a Ames un futuro mellor”, subliñou a líder do BNG.

Na súa intervención, a líder nacionalista tamén fixo referencia ao contexto de crise no que se celebra a campaña electoral, cun Goberno do PP “insensible aos problemas da xente, instalado na rutina, incapaz de tomar nin unha soa medida relevante para sacar Galiza adiante”. Por iso, o BNG vai seguir presentando alternativas viábeis para unha saída galega e xusta da crise.

Empezando pola defensa da sanidade pública tras catorce anos de recortes, aportando un modelo de atención primaria alternativo, que inclúa máis financiamento, persoal suficiente e novos servizos sanitarios nos centros de saúde.

Crise de prezos e hipotecas

Tamén fronte ao espolio eólico que promove o PP para que as eléctricas se sigan forrando, o BNG defende a tarifa eléctrica galega para abaratar a factura da luz ás familias e ás empresas, “que para algo estamos nun país rico en electricidade”.

Igualmente, propostas ante a subida do xuros, tendo en conta que 175.000 familias teñen unha hipoteca. “O BNG ten propostas, un plan de rescate hipotecario pagado pola banca para axudar as familias hipotecadas con menos ingresos, porque tras poñer 90.000 M€ para rescatar aos bancos agora tócalle ás familias.

“Temos alternativas para este País, así que moito ánimo, moito traballo, moita humildade, pero tamén moito orgullo e a por todas, porque é desde os concellos que empezamos a construír esa Galiza é grande que queremos e que nos merecemos”, concluíu.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG