Ana Pontón pon en varlor a política de xestión de residuos e loita contra o cambio climático que desenvolve nos seus concellos

Encontro municipal
Encontro municipal

“Demostramos eficacia, solvencia e capacidade para mellorar a vida das persoas e ese é o mellor aval co que podemos presentarnos o 28M”, alega

O BNG sae a por todas na cita de electoral co convencemento de que será a forza que máis suba, ampliando alcaldías, concelleiros e concelleiras

“Somos a esperanza de moitos galegos e galegas para construír unha Galiza con futuro, concello a concello”, proclamou

A portavoz nacional, Ana Pontón, aproveitou a xornada municipal que congregou en Ames a un cento de responsables locais, alcaldes, alcaldesas, concelleiros e concelleiras para destacar que o BNG ten unha proposta alternativa de goberno para Galiza, que demostra desde os concellos que lidera. Alternativa de goberno que se plasma tamén nunha cuestión tan importante como a xestión dos residuos e a loita contra o cambio climático, tema que centrou a xornada de traballo na que se analizaron as políticas que o Bloque está a desenvolver nese ámbito.

“Demostramos a capacidade do BNG para poñer en marcha un modelo de xestión de residuos vangardista, innovador e integrador, adaptado á realidade galega, cunha xestión eficiente e sabendo cal é o marco normativo para a preservación do noso medio ambiente”, explicou.

Os concellos do BNG evidencian até que punto se pode actuar desde o local para axudar a preservar o futuro do planeta, sendo pioneiros en Galiza na posta en marcha dun modelo de compostaxe individual e colectivo que permite reciclar unha parte cada vez maior dos residuos orgánicos, un modelo nas antípodas do que executa o PP desde a Xunta da man de SOGAMA.

Encontro municipal
Encontro municipal

“Nos últimos doce anos, o único que fixo o Executivo do PP e SOGAMA foi incumplir o seu propio plan de residuos e a práctica totalidade da normativa en vigor. Resultado: non se avanzou na separación, non se avanzou na compostaxe e, por riba, obstaculizan as iniciativas que executan os concellos do BNG que traballan nun modelo alternativo e de futuro”, criticou.

Un modelo que aposta por novo paradigma baseado en minimizar, separar e reciclar, como o posto en marcha en 2015 polo BNG desde a Deputación de Pontevedra baixo a denominación Plan Revitaliza, un plan supramunicipal que presta aos concellos colaboración e soporte formativo, técnico, económico e legal, e que foi dous anos consecutivos recoñecido co premio europeo Residuos Cero.

“Hoxe 47 concellos dos 61 que ten a provincia están adheridos ao plan cunha eficacia no tratamento de residuos única no Estado, de tal xeito que o nivel medio de separación dos residuos é do 30%, case tres veces máis que a media galega do 11%”, explicou.

Porque os residuos xerados pola actividade humana son un dos maiores problemas ambientais, urxe un cambio que pasa tamén por converter os residuos en recursos e nun elemento fundamental da economía circular. “Fronte á pasividade do PP, o BNG actúa con ambición e colaboración alí onde ten responsabilidade de goberno nun ámbito de tanta importancia como a loita contra o cambio climático”.

As políticas ambientais desenvolvidas polos concellos nacionalistas evidencian que o Bloque ten unha alternativa para o País, recalcou.

Sabemos gobernar

“Sabemos gobernar e desde os concellos levamos anos demostrando a eficacia, a solvencia e a capacidade para mellorar a vida das persoas, ese é o mellor aval con que podemos presentarnos ante a cidadanía nas eleccións municipais. Por iso saímos a por todas, sen poñernos límites porque, estou convencida, imos ser a forza política que máis suba e aumentar a nosa representación con máis alcaldías, máis concelleiros e máis concelleiras”, proclamou Pontón.

A líder nacionalista destacou a importancia do 28M porque é unha oportunidade “para asentar e ampliar” o proxecto do BNG e porque irá máis alá do local, por canto os comicios de maio son os primeiros dun ciclo electoral de longo percorrido. Despois de que a cidadanía dese ao Bloque a responsabilidade de liderar a alternativa ao PP, a formación nacionalista traballa para “agrandar” a súa base social e electoral.

“Para conseguilo é necesario facer os deberes e facelos ben, con previsión e con organización, con xenerosidade e con amplitude de miras. As municipais son unha magnífica oportunidade para agrandar a base social do BNG, incrementar a nosa presenza no territorio, integrar persoas e colectivos para seguir construíndo, con intelixencia e con humildade, a gran casa común do amor a Galiza e da defensa dos seus intereses que é o BNG”, argumentou.

Crise de prezos

Pontón tamén se referiu a situación actual, nun contexto de crise de prezos, que en Galiza volveron subir máis que na media pese a ter salarios e pensións por debaixo. “E todo isto fronte a un Goberno do PP insensible aos problemas da xente do común, instalado na rutina, sen proxecto e sen impulso político, incapaz de tomar nin unha soa medida relevante para sacar Galiza adiante”, denunciou.

Por iso, comprometeu, o Bloque vai seguir presentando alternativas viábeis para unha saída galega e xusta á crise, con medidas como a recuperación da tarxeta básica, a tarifa eléctrica galega ou propostas para facerlle fronte ao incremento de prezos do aluguer e das hipotecas.

“Somos conscientes das dificultades e dos grandes desafíos, mais nunca como agora tivemos tan claro que o noso País precisa un cambio de rumbo. Desde o BNG imos seguir traballando con rigor, con coherencia, con humildade sabendo que somos a esperanza de moitos galegos e galegas para construír esa outra Galiza posible, concello a concello”, concluíu.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG