Ana Pontón destaca o potencial de Galiza para posicionarse nun turismo de natureza sustentable, en auxe tras a pandemia

Visita Moradas do Ulla
Visita Moradas do Ulla

En vésperas de FITUR, visita as "Moradas do Ulla" en Teo, exemplo de turístico sustentable no rural, capaz de xerar emprego e dinamismo social

Critica que o Goberno do PP boicotea a riqueza paisaxística de Galiza cando permite un boom eólico depredador ou o descontrol do eucalipto

En vésperas da inauguración de FITUR, a portavoz nacional, Ana Pontón, puxo en valor a importancia de potenciar proxectos de turismos sustentables aproveitando a riqueza natural de Galiza no medio rural, tanto na costa como no interior, que permita aproveitar a tendencia turística xurdida con forza tras a pandemia que demanda destinos no entorno natural, libres de contaminación e de masificación.

Proxectos sustentables no medio rural como o que representan as Mouradas do Ulla, no concello de Teo, que hoxe visitou Pontón para coñecer de primeira man unha iniciativa turística singular con capacidade para xerar dinamismo económico e social nun entorno rural.

“Nunha semana na que arranca FITUR é importante destacar que Galiza ten un patrimonio natural extraordinario, unha riqueza paisaxística enorme que debe ser aproveitada para medrar no sector turístico porque é unha gran oportunidade económica e social”, explicou Pontón, “sobre todo agora que, tras a pandemia, hai un cambio na demanda turística cara destinos sen masificación, unha demanda que quere natureza, que quere contacto co aire libre e co medio natural”.

Un perfil de turista que escapa das aglomeracións, dos atascos, da contaminación e busca experiencias saudables e sustentables para o seu tempo de descanso e de lecer e, neste novo modelo de demanda turística que aposta pola natureza, “Galiza ten moito que ganar con proxectos como este, de turismo sustentable, respectuoso co medio ambiente, integrado no entorno paisaxístico”.

Visita Moradas do Ulla
Visita Moradas do Ulla

Proxectos que, a súa vez, xeran unha “sinerxía moi positiva no entorno”, porque atraen visitantes que durante a súa estancia consumen na hostalería local, no comercio local, que enchen o deposito do coche na gasolineira dos concellos limítrofes, compran no supermercado máis próximo ou almorzan na cafetería do pobo. En definitiva, explicou, “irradian dinamismo económico e social”.

Galiza ten un patrimonio natural que permite este tipo de turismo, pero lonxe de contar co apoio do Goberno da Xunta, “parece que o Partido Popular traballa na dirección contraria, cando toma decisións que ameazan o nosa riqueza paisaxística”, denunciou.

Por exemplo, sendo cómplice do boom eólico depredador poñendo en risco un rico patrimonio natural e, polo tanto, “poñendo en risco un tipo de turismo que está en auxe e que é unha oportunidade para darlle futuro ao medio rural”.

Neste momento hai moitos lugares de gran valor natural ameazados polos aeroxeneradores. Desde os penedos de Traba e Pasarela ao Parque arqueolóxico do Xurés ou, moi cerca precisamente de Teo, o Castro Lupario, ameazado polo paso dunha liña de alta tensión. Outro elemento que deturpa a riqueza natural é a expansión descontrolada do eucalipto, que mesmo chega ao corazón de grandes parques naturais.

Por contra, destacou, “o BNG aposta por un turismo sustentable, respectuoso co medio ambiente e que sirva de motor económico e social do medio rural. Porque impulsar este tipo de turismo significa preservar o territorio, significa crear riqueza, crear emprego e fixar poboación no medio rural, iso implica un rural vivo e con servizos”. O 90% do territorio é rural e non se pode entender unha Galiza con futuro sen o seu medio rural, concluíu.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG