Ana Pontón destaca a excelente calidade dos viños da subzona de Soutomaior e reclama que se reforce a súa promoción

Visita Soutomaior
Visita Soutomaior

Propón unha Lei galega do viño e pide á Xunta que lidere un cambio nos criterios das axudas europeas para facilitar o acceso do sector galego  

A portavoz nacional, Ana Pontón, desprazouse á subzona vitivícola de Soutomaior da denominación Rías Baixas para coñecer de primeira man a que definiu como “excelente calidade” dos viños desta subzona, para a que reclamou unha maior visibilidade, dado o seu importante papel no desenvolvemento económico do concello e de toda a comarca.

Logo dun encontro con produtores da zona, Pontón salientou as “características singulares” da produción vitivinícola dunha subzona que, sendo de pequeno tamaño, exporta a moitos países do mundo. “É un orgullo ter produtos de tan boa calidade como a que se produce aquí en Soutomaior”, afirmou, para reafirmar o apoio do BNG a un sector “que está demostrando cada día que é clave para o futuro deste País”.

A líder nacionalista avogou por incrementar o apoio ao sector vitivinícola galego cunha Lei propia, ambiciosa e que forme parte dunha política de apoio ao medio rural. Neste sentido, tamén reclamou á Xunta que lidere un cambio nos criterios das axudas para o sector, dado que o galego goza dunhas características diferenciais en relación ao do conxunto do Estado que non son tidas en conta no acceso aos fondos públicos.

Visita Soutomaior
Visita Soutomaior

“O sector vitivinícola galego representa o 3,5% dos viñedos do Estado, pero o 50% das parcelas que hai e este feito diferencial provoca unha dificultade no acceso ás axudas que hai que salvar”, afondou, logo de advertir que o sector galego só recibiu o 1,2% das últimas axudas da PAC. “De cara a 2023-2024 vanse distribuír máis de 200 millóns de euros e non pode repetirse esta discriminación”, incidiu.

Pontón recalcou a necesidade de incrementar o apoio a un sector que considerou clave en Galiza polo que aporta en termos económicos e de creación de emprego, pero tamén polo importante papel que xoga á hora de fixar poboación no rural e na preservación do territorio. 

Nesta mesma liña tamén se manifestou o deputado Manuel Lourenzo, quen tamén participou na visita e quen reivindicou un apoio decidido a un sector que é estratéxico para o concello de Soutomaior. “Hai que poñer no mapa un produto diferencial e de altísima calidade que debe levar o nome de Soutomaior por todo o mundo”, afirmou, para recalcar a continuación que “non se pode aforrar nin un só euro na súa promoción.

Lourenzo incidiu na necesidade de que este sector, ao igual que moitos outros sectores produtivos do concello, deben contar “cun impulso que non se está a dar” e, neste sentido, recalcou que o futuro do concello pasa por unha aposta decidida polos sectores estratéxicos como o do viño e polos produtos de altísima calidade.    

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG