Ana Pontón destaca a creatividade e a innovación na xestión do goberno local do BNG que fan de Pontevedra cidade de referencia

Ana Pontón co goberno municipal de Pontevedra
Ana Pontón co goberno municipal de Pontevedra

O goberno liderado por Lores é un magnífico exemplo do modelo do Bloque: sempre avanzando e mirando ao futuro para conseguir progresar”, alega

Subliña solucións innovadoras na promoción por vías propias, na mobilidade e no desenvolvemento urbanos ou na protección ambiental 

A portavoz nacional, Ana Pontón, destacou en Pontevedra “a creatividade e a innovación” na xestión do goberno municipal liderado por Miguel Anxo Fernández Lores que fan da cidade unha referencia e un “magnífico exemplo” do modelo do BNG cando asume responsabilidades de goberno.

“O goberno de Pontevedra e o que representa o BNG para este País demostran como utilizando a creatividade e a innovación somos capaces de facer avanzar a nosa sociedade e iso nace da convicción que temos de que o noso País pode ser pioneiro en todos os ámbitos nos que se propón avanzar”, afondou logo da reunión que mantivo co executivo local na que subliñou que o Bloque pensa tanto Galiza como Pontevedra “en grande”.   

Ademais da aplicación permanente de solucións creativas e innovadoras, Pontón destacou precisamente como terceiro piar da xestión do goberno municipal do BNG a confianza nas posibilidades que ten a cidade, a mesma que deposita no conxunto do País. “Se algo nos demostra o goberno de Lores en Pontevedra é que confiando en todo o potencial que había aquí, somos capaces de conseguir cousas que moitos crían que eran imposibles”, explicou.

Por iso, considerou que o de Pontevedra “é un magnífico exemplo” da maneira de actuar que ten o Bloque cando asume responsabilidades de goberno: “Sempre avanzando, sempre mirando para o futuro, para conseguir que esta cidade avance e progrese”.

A líder nacionalista exemplificou a creatividade e a innovación na xestión do equipo de Lores, primeiro, no proxecto de promoción da cidade, buscando nichos propios a través da celebración de eventos ou da proxección internacional a través de canles propios.

En segundo lugar, destacou o modelo urbano desenvolvido polo equipo de Lores, un modelo admirado en todo o mundo e que conta co recoñecemento de organismos como ONU Hábitat, o Banco Mundial ou entidades tanto en Europa, como en China ou Estados Unidos.

Pontón tamén apuntou á mobilidade urbana como outro dos ámbitos que exemplifican a aplicación de solucións creativas e innovadoras, un modelo de mobilidade que é replicado no Estado e en Europa e que conta ademais cuns índices de seguridade viaria recoñecidos tanto pola DXT como pola UE.

Por último, puxo en valor as medidas encamiñadas á protección medioambiental, como as aplicadas na xestión integral do ciclo da auga ou o sistema de xestión de residuos, tamén recoñecido a nivel europeo e no que a compostaxe comunitaria funciona “de maneira óptima”.

Exemplos todos eles, alegou, que corroboran que en Pontevedra “non só hai un bo goberno que está pensando en como mellorar a vida das persoas”, senón que ademais exemplifica como se pode deixar atrás as rutinas e aplicar fórmulas que ofrecen solucións aos problemas.

“O goberno de Pontevedra é un exemplo de como apostando pola creatividade e a innovación somos capaces de transformar en positivo esta cidade, convertela nun referente internacional e, o máis importante, facer que Pontevedra sexa cada vez un lugar onde se vive mellor”, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG