Ana Pontón destaca o avance de México en materia de igualdade con Claudia Sheinbaum como primeira presidenta do país

Ana Pontón e Ana Miranda
Ana Pontón e Ana Miranda
Asiste xunto a Ana Miranda á investidura, acto co que conclúe a súa visita ao país azteca, na que estreitou lazos coa comunidade galega na diáspora

A portavoz nacional, Ana Pontón, e a eurodeputada, Ana Miranda, asistiron en México ao acto de investidura da nova presidenta, Claudia Sheinbaum, logo de desenvolver unha intensa axenda para estreitar lazos coa comunidade galega na diáspora, con encontros coa colectividade galega, con empresarios e con distintos colectivos do ámbito político e social.

“Un momento emocionante poder compartir con miles e miles de mexicanas este día histórico no que, por primeira vez, teñen a unha muller presidenta que no seu discurso demostrou ademais que ten un proxecto para seguir transformando México, onde a igualdade é unha peza fundamental”, sinalou Pontón.

O BNG asistiu á investidura da nova presidenta mexicana en resposta ao convite da formación política Morena, un acto no que participaron Pontón e Miranda, como antes asistiron en representación do Bloque ás tomas de posesión dos actuais presidentes de Chile e Colombia, que serviron igualmente á formación e á líder nacionalista para manter encontros coa comunidade galega en ambos países.

A portavoz nacional apuntou logo do acto á importancia de que as mulleres vaian “gañando espazos de decisión” para poder “transformar o mundo e facer da igualdade precisamente un piar do desenvolvemento da humanidade”.

“Hoxe México deu un paso nesa dirección”, indicou Pontón, quen subliñou a emoción dun momento no que “tantas e tantas mulleres sentían que, con esta presidenta, elas tamén entraban na casa presidencial”. “Desde logo é un momento histórico e un luxo poder compartilo en primeira persoa”, recalcou.   

Coa asistencia á investidura de Sheinbaum, a portavoz nacional e a eurodeputada do BNG conclúen a súa visita ao país azteca na que estreitaron lazos coa comunidade galega en México, con distintas reunións con empresarios e galegos e galegas residentes na capital mexicana, e intensificaron os contactos políticos da formación nacionalista a nivel internacional, con diferentes encontros como os que mantiveron co presidente do Senado, Gerardo Fernández Noroña, ou a nova ministra da Muller, Citalli Hernández, ata o de agora, secretaria xeral de Morena.

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG