Galegas 2024

Ana Pontón: “A desfrutar do Entroido e o domingo a votar ao BNG para facer historia coa primeira presidenta de Galiza”

Entroido de Verín
Entroido de Verín

A candidata á Presidencia, Ana Pontón, fixo hoxe un alto na campaña electoral para desfrutar durante unhas horas das festas do Entroido en Verín e Xinzo, localidades que escolleu para compartir cos ourensáns e as ourensás “unha das tradicións máis bonitas que temos no noso País”.

En Verín, ataviada cun dos capuchóns típicos desta localidade, Pontón aproveitou para convidar aos veciños e veciñas a “desfrutar a tope do Entroido e, o domingo, a votar ao BNG para facer historia e construír unha Galiza mellor”. “Sei que estas son as festas máis agardadas de todo o ano,  pero despois de pasalo moi ben no Entroido o domingo hai que ir a votar porque podemos facer historia e ter por primeira vez unha muller presidenta que defenda aos galegos e galegas e aposte por respectar as tradicións”, asegurou.

Pontón, que confesou que é “das que sempre visita Ourense nestas datas”,  referiuse ao Entroido como un dos mellores exemplos da “forza da nosa cultura” e unha celebración que “soubo revivir” e coller o impulso que agora ten, acadando en Ourense  “o seu máximo esplendor”. “Para min é unha das mellores festas que hai, porque o Entroido é sátira, risa e desfrute”, comentou.

A candidata á Presidencia explicou que escolleu o capuchón, unha peza típica do Entroido “que calquera familia verinesa ten”, para precisamente render homenaxe a todos os veciños e veciñas deste concello que manteñen viva esta tradición, que convive cos recoñecidos cigarróns, que este martes volveron encher as rúas da localidade. 

Entroido Verín
Entroido Verín

Pola súas banda, a cabeza de lista por Ourense, Noa Ourense, optou pola sátira propia do Entroido na súa disfrace, logo que o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, comprometera en Verín catro pediatras, unha reivindicación de moito tempo atrás, e que chega na recta final da campaña electoral “despois de meses e meses sen recibir á plataforma pola sanidade da localidade, igual que estivo vetando recibir ás plataformas da Limia ou do Carballiño”.  

Precisamente facendo gala desa retranca, Presas ironizou ás portas do denominado Domingo de Piñata, data da que espera “sirva para despedir o Entroido”, pero tamén “para despedir o tempo gris do Partido Popular e abrir un tempo novo coa primeira presidenta nacionalista da Xunta”. 

Hai que mobilizarse: “Non se pode perder ningún voto”

A candidata á Presidencia arrancou a xornada cun mitin en Burela onde fixo un chamamento a unha mobilización masiva para encher as urnas de votos ao BNG o 18 de febreiro porque o cambio en Galiza está “a unha presa de votos”. Na Mariña, mostrouse convencida de que o cambio é imparable porque cada día percibe como aumenta “a corrente de ilusión” cara BNG, nos actos, nos mitins, nas redes sociais e na rúa, “cada día son máis as persoas que miran para nós coa esperanza de abrir un tempo novo”, explicou, instando a que “ningún voto do cambio quede na casa, que ningún voto do cambio se perda porque está ao alcance da man ganar un futuro mellor e empezar a construír unha Galiza en grande”.

A líder nacionalista  avanzou que miles de persoas colleran por primeira vez a papeleta do Bloque e apelou a facer historia cunha presidenta coas mans libres para defender os intereses do País, “porque a min ninguén me vai poñer límites á hora de defender Galiza, nin desde Madrid nin desde ningún consello de administración, porque sei moi ben quen son, de onde veño e a quen me debo: a maioría social deste País”, proclamou.

A candidata fixo unha apelación a todas as persoas que queren cambio: “Quero dicirlles que son a súa candidata, non importa o que votaran noutras eleccións, hai moita maneiras de sentirse galego, de sentirse galega, e todas son necesarias para poñer en marcha a Galiza que soñamos e que merecemos e deixar atrás o nefasto legado de quince anos do PP”, destacou.

Fronte aos intentos de desmobilización do Partido Popular durante toda a campaña, Pontón indicou, polo contrario, que estas son as eleccións máis abertas dos últimos tempos, o momento de cambiar o rumbo do País unindo todo o voto de cambio no Bloque para darlle aos galegos e ás galegas o “mellor goberno de todos os tempos” e facer historia cunha muller presidenta.

“Despois de 43 anos Galiza tivo seis presidentes, todos homes e todos de forzas estatais, pregúntovos: colocaron ó noso País no lugar que se merece? A resposta é clara, por iso penso, humildemente, que a Galiza vaille ir moito mellor cunha presidenta do BNG e pídolle os galegos e ás galegas á oportunidade de demostralo”. Neste sentido, indicou que o 18 de febreiro só hai dúas alternativas: ou seguir ancorados no pasado co PP e Alfonso Rueda, o mesmo que deixa unha Galiza  máis pequena, ou abrir un tempo novo cunha presidenta nacionalista capaz de mellorar a vida das persoas e cun proxecto de goberno para construír unha Galiza en grande.

Disto é do que van estas eleccións, recalcou, “non van das batalliñas madrileñas, non van de crispación, non van dun premio de consolación para Feijóo ou dunha reválida de Sánchez. Estas eleccións van dos galegos e das galegas”, advertiu.

Por iso, presentouse como a presidenta que defenderá a sanidade pública cun plan de choque de 200 M€ en atención primaria, que porá en marcha un novo modelo de coidados no que as persoas maiores poidan desfrutar desa etapa da vida nas súa casa; a presidenta que lle dea oportunidades á xente nova, para que teña futuro aquí e non teñan que coller as maletas como xa fixeron 200.000 mozos e mozas nos últimos anos”.  E a presidenta que traballará por unha Galiza feminista desde a igualdade e con xustiza social.

Na súa intervención, Pontón tamén ironizou co “nerviosismo” dun PP e dun Alfonso Rueda que premeron o “botón do pánico” nesta campaña electoral desesperados por trasladar a Galiza a crispación e as liortas de Madrid, todo para non falar da súa xestión  porque sabe que non se sostén. Un PP que deixa recortes en sanidade e en educación, que permita que se faga negocio coa vellez, que auspicia o espolio eólico para que as eléctricas se sigan forrando cos recursos naturais do País, mentres pagamos os custes sociais e ambientais, un goberno do Partido Popular incapaz de poñer Galiza a producir, ao contrario, perdéronse 27.600 empregos na industria, 26.100 no sector primario e todo iso no medio dunha sangría demográfica, con 100.000 habitantes menos que en 2009.

Para non falar desta realidade, o PP está nunha carreira de ataques contra o BNG usando a mentira e a manipulación nos medios públicos. “Imos ben, imos moi, moi ben e nin todas as mentiras do PP poder parar un cambio que é imparable”. Por iso, nesta recta final de campaña, a candidata nacionalista comprometeuse a poñer en marcha o mellor Executivo da historia para “deixar atrás o tempo das promesas e da propaganda e dar paso ao tempo dos feitos e dos compromisos cumpridos.

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG