A portavoz nacional, Ana Pontón, denunciou en rolda de prensa o enorme prexuízo que está tendo para Galiza a nefasta xestión da débeda pública por parte do Goberno do PP e que non só se circunscribe á súa negativa a aceptar a condonación negociada polo BNG, senón que se remonta á súa decisión de rexeitar en plena crise o FLA e acudir á banca privada, o que provocou que os galegos e as galegas pagásemos un sobrecusto de 1.425 millóns.
Pontón recordou que a resposta do Executivo de Rueda aos 446.000 millóns do Fondo de Liquidación Autonómica (FLA) ofrecido ás comunidades para obter liquidez polo Goberno central, presidido curiosamente por Mariano Rajoy, foi rexeitalo e adoptar dúas medidas que cualificou de “tremendamente lesivas”.
A primeira, “recortar máis en servizos públicos” empeorando a calidade de vida das persoas, “pese a triplicar a débeda”, o que exemplificou no tesoirada de 2.000 millóns en Atención Primaria que “fai que hoxe haxa listas de espera para ir ao médico ou médica de cabeceira, co que iso supón de deterioro da saúde das persoas”, recalcou.
E a segunda, “pasar do mecanismo estatal do FLA” e “pedir prestado á banca privada”, o que supuxo un sobrecusto multimillonario no pago da débeda de 1.425 millóns de euros.
“”Esta é a gran xestión da débeda do Partido Popular en Galiza”, concluíu a líder nacionalista, quen se detivo nese sobrecusto de 1.425 millóns, calculado tomando como referencia os informes do BBVA nos que se recolle que, en ausencia do FLA, as comunidades autónomas terían que asumir de media un custe adicional superior a un punto.
“Por iso, a decisión do Partido Popular tivo como consecuencia un sobrecusto de 100 millóns de euros anuais para Galiza entre 2012 e 2024 por endebedarse coa banca privada en lugar de pedirlle prestado ao Estado a través do FLA”, explicou.
Así pois, e tomando como referencia os datos do BBVA, Pontón cuantificou o sobrecusto polo pago da débeda en 83,2 millóns en 2012; 92,1, en 2013; 99,6, en 2014; 103,7, en 2015; 108,5, en 2016; 112,1, en 2017; 113,4, en 2018; 113,1, en 2019; 115,4, en 2020; 117,1, en 2021; 119,8, en 2022; 123,4, en 2023; e 123,1 millóns en 2024.
É dicir, que a decisión do Goberno do PP de pedir prestado á banca privada na vez de ao Estado como fixeron outras comunidades, “fixo que os galegos e as galegas pagaramos un sobrecusto de 1.425 millóns de euros pola débeda nos últimos doce anos”, recalcou, para afirmar a continuación que este importante volume de recursos podería ser destinado, por exemplo, á sanidade, á educación ou á atención da dependencia.
“Polo tanto, o que lle pido ao señor Rueda é que deixe de prexudicar aos galegos e ás galegas e que, por unha vez, poña a Galiza por diante do Partido Popular”, reclamou Pontón, quen incidiu en que isto pasa por aceptar a quita de 4.000 millóns na débeda pública negociada polo BNG co PSOE no acordo de investidura.
“O Partido Popular xa nos fixo perder 1.425 millóns de euros, que non nos faga perder máis rexeitando a condonación da débeda”, afondou para pedirlle ao titular do Executivo galego “un pouco de valentía” e que acepte a quita, se deixe de “tanto servilismo ao Partido Popular de Madrid” e antepoña os intereses dos galegos e das galegas aos do PP de Núñez Feijóo.
A portavoz nacional afeou a Rueda a súa negativa a comparecer nun pleno extraordinario do Cámara galega, tal e como solicitou o Bloque, para explicar por que rexeita a condonación da débeda. “Négase a dar a cara no Parlamento para evitar o papelón de ter que explicar o inexplicable, rexeitar unha quita do 33% do total, un novo exemplo de traizón a Galiza”, criticou.
Pontón considerou esta decisión un novo exemplo de como “a deslealdade” do presidente da Xunta lle sae “moi cara a Galiza”, dado que, tendo en conta o actual custe da débeda, os galegos e as galegas aforrarían 500 millóns de euros anuais durante oito anos coa quita, só por amortización do principal desa débeda.
“A ninguén se lle pasaría pola cabeza rexeitar un aforro de 500 millóns anuais durante oito anos”, reprochou, polo que insistiu en pedirlle ao xefe do Executivo que rectifique, acepte a condonación negociada polo BNG e “poña a Galiza por diante”. “É o mínimo que se espera dun presidente da Xunta”, concluíu.