A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, valorou hoxe a supresión da área de lingua no Concello de Lugo como unha confirmación das políticas de "hostilidade" que o Partido Popular leva anos exercendo contra o galego. Para Pontón, esta decisión non é un feito illado, senón "toda unha declaración de feitos" de formación que busca facer do noso idioma algo residual na vida pública.
Unha estratexia de ataque continuado
Pontón sinalou directamente á candidata do PP en Lugo, Elena Candia, acusándoa de seguir os pasos do presidente da Xunta, Alfonso Rueda. "Rueda empezou en política poñéndose detrás dunha pancarta contra o galego, e Elena Candia segue os seus pasos, sempre en contra do galego", afirmou a líder nacionalista, quen cuestionou por que ao Partido Popular "lle molesta tanto" a lingua propia de Galiza.
"A pregunta é: que lle fixo a lingua galega ao PP para que lle teñan tanta manía e queiran situala como unha lingua residual?"
Chamamento á mobilización o 17 de maio
Fronte a este novo retroceso, a portavoz do BNG amosouse convencida de que a sociedade galega responderá con "dignidade". Pontón fixo un chamamento a todos os galegos e galegas, independentemente da lingua que falen habitualmente, a participar na gran mobilización convocada para este domingo, coincidindo co Día das Letras Galegas.
"Temos a oportunidade de responder a estas políticas nefastas", declarou Pontón, subliñando que o obxectivo é garantir que o galego teña "mil primaveras máis" e non permitir que o Partido Popular sitúe o idioma "no peor momento da nosa historia".