Galegas 2016

Ana Pontón defende declarar Monte Pindo parque natural para incrementar os investimentos na comarca

A candidata do BNG á Presidencia da Xunta propón un plan de desenvolvemento comarcal que potencie os recursos naturais para crear emprego e benestar

A candidata do BNG á Presidencia da Xunta e portavoz nacional, Ana Pontón, visitou na mañá de hoxe a Costa da Morte, onde apelou á necesidade de crear e poñer en marcha un “plan de desenvolvemento comarcal que contribúa a potenciar os recursos naturais”. Fixo fincapé no aproveitamento pesqueiro, medio ambiental e turístico, sempre desde o punto de vista da sustentabilidade.

“Non é lóxico que comarcas que contan cun potencial tan importante padezan unha crise xa estrutural e que non haxa ningún tipo de iniciativa por parte dos gobernos para crear emprego, mellorar os servizos públicos e incrementar a calidade de vida e as oportunidades nestas zonas”, expresou a candidata nacionalista.

Na súa visita a Cee e Carnota, a candidata do Bloque puxo de manifesto que un dos eixos fundamentais do citado plan de desenvolvemento comarcal pasa por declarar o Monte Pindo parque natural. “A declaración, reivindicada pola veciñanza, suporía unha mellora dos investimentos e dos recursos para a creación de emprego”, explicou Ana Pontón, quen deu conta doutras experiencias que demostran que a declaración de Parque Natural significaría “un avance non só para Carnota, senón tamén para o resto da comarca, a nivel de dinamización social e turística”.

IMG_1345A candidata do BNG á Presidencia da Xunta chamou a superar “o modelo de abandono dos nosos montes para acabar cos lumes” e a “poñer en valor os nosos recursos”. Lembrou ao respecto o grave incendio que padeceu o Monte Pindo en 2013 e a desatención á que se viu sometida por parte da Administración responsábel, a Xunta de Galiza. “A Xunta actuou con desleixo e mirou cara a outro lado”, denunciou Pontón. “A declaración de Parque Natural ten que ser o punto final dunha política de recuperación do monte e de posta en valor dos nosos recursos”, engadiu.

A portavoz do Bloque, que se referiu á veciñanza como pata fundamental do proceso, en que non poden faltar investimentos nin promoción para o coidado do medio natural, amosouse convencida do potencial da zona como elemento de vertebración social e económica.

Por último, Ana Pontón afirmou, en declaracións aos medios, que recolle unha luva importante desde o punto de vista da conservación do mar, “a necesidade de que remate o saneamento”. Lamentou que “levemos moito tempo vendo unha Xunta incapaz de finalizar esta actuación, que xa é eterna”.

“Desde o BNG comprometémonos a poñer todos os recursos para que a finalización do saneamento sexa unha realidade na próxima lexislatura”, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG